Xinzo restrinxirá o tráfico na vila por mor do Entroido


XINZO DE LIMIA (RÚA DE GALICIA). 20/02/2022. OURENSE. Entroido, Domingo de Corredoiro en Xinzo de Limia, día no que saen por primeira vez as Pantallas. FOTO: ÓSCAR PINAL
photo_camera Tres pantallas percorren o casco histórico o pasado Domingo de Corredoiro. (Óscar Pinal).
Habilitarase o sábado un posto de primeiros auxilios con efectivos da Cruz Vermella e do CIM

O Concello de Xinzo prepárase para as xornadas máis agardadas do ano, polo festivo, pero tamén para as que é preciso extremar todas as precaucións dada a importante afluencia de visitantes prevista. A rexedora local, Elvira Lama, aseguraba hai unhas semanas que, aínda que o Entroido sería este ano de transición, non se escatimaría á hora de reforzar a seguridade, sobre todo, nos días centrais, os cales comezarán este venres. 

Na liña de perfilar os postos de seguridade, a vixilancia e os cortes de tráfico precisos, a alcaldesa, xunto aos seus concelleiros de Mobilidade e Festexos -Ramón Gómez Salgado e Ramiro Rodríguez, respectivamente- reuniuse con efectivos da Policía Local, da Garda Civil e tamén de Protección Civil.  Ademais das restriccións ao tráfico, o día 26 -noite grande do carnaval- está previsto que a Axencia Galega de Emerxencias instale un posto de mando no cruce da N-525 coa rúa Curros Enríquez, fronte á Praza Maior. O obxectivo desta medida será velar pola seguridade dos cidadáns durante a fin de semana. Tamén haberá videovixilancia durante a noite na que se agarda a maior afluencia de visitantes de todos os festexos que compoñen o ciclo limiao -cortarase o tráfico nas inmediacións da Praza Maior dende as 17,00 horas para permitir a instalación do camión e das cámaras-. Do mesmo xeito, e tal e como anunciaron dende o Consistorio ao termo da xuntanza, estará operativo un posto médico de auxilios, así como de efectivos de Cruz Vermella e do Centro de Información á Muller coa finalidade de “dar resposta coordinada ante calquera incidente coa maior celeridade”. 

No referente ao tráfico, haberá que realizar restricións entre os puntos quilométricos 197,500 e 199,500 da estrada N-525 e habilitaranse, logo das mesmas, os correspondentes desvíos alternativos. Os cortes realizaranse o sábado, 26 de febreiro, de 17,00 horas a 06,00 horas; o domingo, 27 de febreiro, de 17,00 horas a 21,00 horas; o luns, 28 de febreiro, de 17,00 horas a 23,00 horas; o martes, 1 de marzo, de 17,00 horas a 21,00 horas e o domingo, 6 de marzo, de 17,00 horas a 21,00 horas.

Por outro lado, o sábado de Entroido restrinxirase o acceso á vila para os autobuses e só poderán chegar ata a parada as liñas regulares, para o resto establecerase un peche e habilitarase a explanada dos institutos como punto de carga e descarga de viaxeiros.

O GRAN CAMIÑO

O Entroido non será o único evento que obrigue a realizar cortes de tráfico na vila limiá, xa que o sábado 26 instalarase unha “meta flotante” fronte á praza Maior con motivo da Volta Ciclista O Gran Camiño. O percorrido afectará á estrada OU-1117 (N-525 a cruce con estrada de Vilar de Barrio OU-1102); á pista que enlaza a estación de servizo Antela ao núcleo de Baronzás; á estrada de Baronzás por Morgade OU-1102 e ás rúas Curros Enríquez, Avenida de Madrid no cruce con Dous de Maio e Avenida de Ourense. 

O horario aproximado no que se agarda o paso do pelotón é dende as 13,45 horas ás 15,00 horas.

Te puede interesar