Afonso Vázquez-Monxardín: "Os programas galegos na BBC deron ao idioma visibilidade mundial"

Afonso Vázquez - Monxardín centrará hoxe en Allariz unha conferencia que versará sobre o ourensán Alexandre Manuel Fernández e Plácido Castro e o seu papel de difusores da cultura e lingua galega nun periodo de guerras dende a BBC británica. Vázquez - Monxardín solicita un merecido recoñecemento ao labor de ambos. O acto de hoxe -Casa da Cultura de Allariz, 20,00 horas- leva por título XXIII Conferencia Anual Plácido Castro. 

Quen era Plácido Castro?
Era un poeta e unha persoa moi ligada ao Partido Galeguista nos anos 30. No periodo comprendido entre o 49 e o 55 estivo traballando na BBC e era o home máis culto dos galegos que había por alá naquel entón. Era un nacionalista. Pero non foi a persoa que puxo aqueles programas en galego en marcha, senón que foi Alexandre Manuel Raimúndez, que era de Ourense. 

Como xorden eses programas?

O “Foreign office” inglés decide que así se faga. Toda a política exterior da BBC está marcada polo “Foreign office” - Ministerio de Relacións Exteriores- dende antes da Segunda Guerra Mundial. Danse conta de que hai que gañar a batalla nas ondas e, no ano 39, comezan as emisións en castelán e, no 41, as específicas para España para contrarrestar a propaganda Nazi. Logo do remate da Segunda Guerra Mundial, no ano 46, España está illada internacionalmente. A BBC, a iniciativa dun catalán que se chama Josep Manyé e Alexandre Raimúndez, que traballan alí na sección española, deciden impulsar unha serie de programas en catalán, galego e vasco. 

Cando e onde se emitían eses programas?

Dende Londres, os luns emitíase un programa en galego, en vasco e en catalán dende a BBC internacional. A condición era que tiñan que ser formatos estritamente culturais. 

Alexandre Manuel estaba exiliado alí?

Si, en Londres, despois da Guerra Civil. Fora catedrático nas escolas de comercio de Madrid e de Barcelona. Pero, dende o ano 39, está en Londres. No 41 abren oposicións para que a xente entre a traballar na BBC. 

De que tratou o primeiro programa?

Chamábase “Galician program”. Foi o 14 de abril do 1947 e tratouse dunha audición do xornalista Augusto Assía (A Mezquita, 1904). En Londres non había moitos exiliados galegos, polo que se solicitaban colaboracións en Galicia como a de Ben Cho Shey ou Fernández del Riego, de Vigo, que foi un dos que máis colaborou. Mandábanse a Alexandre Manuel por correo ordinario  ou a través da embaixada. Eran colaboracións sempre pagadas porque a BBC non quería colaboradores gratuitos. O último programa galego foi en xaneiro de 1956. Foron 83 programas e 110 colaboracións.  

Que contido cultural se tratou?

Literatura, libros publicados, etnografía, semblanzas sobre Castelao… Tamén houbo programas de arte, de viaxes ou economía. 

Vostede cre que é importante que se recoñeza o labor feito naquel tempo. 

Si, penso que a Xunta podería colocar unha placa na BBC, onde hai outras, para agradecer o traballo de Alexandre e Plácido. Eu quero facer unha monografía sobre Alexandre, que ten unha historia persoal apaixoante. Os programas en galego na BBC aportáronlle visibilidade mundial.

Te puede interesar