Os alaricanos doaron 18 toneladas de roupa no 2021

CONTENEDOR HUMANA ALLARIZ (1)
photo_camera Un contedor de roupa ubicado nas inmediacións da alameda de Allariz.
Humana recuperou 18.402 quilos de textil, un 4,6% máis que en 2020

Humana Fundación Pueblo para Pueblo, que traballa co Concello de Allariz, recuperou en 2021 un total de 18 toneladas de roupa neste municipio que se destinarán a fins solidarios. Trátase de 18.402 quilos de textís, unha cifra un 4,6 por cento superior que a recolectada durante o ano anterior, o 2020 -naquel ano acadáronse 17.597 quilos-. 

Tal e como explicaron dende o Consistorio alaricano, o residuo téxtil recuperado -roupa, calzado, complementos e téxtil de fogar- dos diferentes contedores situados na vía pública equivale a 74.000 pezas que serán clasificadas na planta de preparación para a reutilización que Humana ten en Leganés. A maior parte terá unha segunda vida: dunha banda, o 50 por cento poderase reutilizar e máis do 35 por cento, reciclar.

Os beneficios desta recuperación non so serán solidarios, senón tamén medioambientais. Neste senso, a reutilización do téxtil usado contribúe á redución das emisións de CO2: por cada quilogramo de roupa recuperada e non conducida a un centro de tratamento de residuos para a súa incineración ou disposición final, evítase a emisión de 6,1 quilogramos de CO2, segundo un estudo da Federación Humana  People  to  People. Así, as máis de 18 toneladas recuperadas o ano pasado en Allariz evitaron a emisión de 112 toneladas de CO2 á atmosfera.

A reciclaxe téxtil é, segundo fontes municipais, parte do “compromiso” que Allariz ten co Medio Ambiente. A traves do Servizo RE, o Concello de Allariz ano tras ano “traballa no coidado do medio para continuar sendo un referente grazas a colaboración veciñal”, á que Bernardo Varela, concelleiro de Medio Ambiente, agradeceu a colaboración.

Te puede interesar