Allariz mellorará os medios e as zonas para a compostaxe

COMPOSTEIRO RÚA IRMANDADE (3)
photo_camera O composteiro ubicado na rúa Irmandade da vila alaricana.
Grazas a un investimento de 13.750 euros acondicionaranse oito puntos estratéxicos nestes senso

Allariz remodelará as oito zonas dedicadas a actividade da compostaxe na vila cun investimento de 13.750 euros por parte da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia  e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Ademais, grazas a esta partida, instalaranse 15 composteiros de gran capacidade naquelas zonas nas que o gran nivel de aportación así o requira. 

Por outra parte, nesta intervención aproveitarase para reparar, mellorar e regular o aporte nas zonas de acumulo de biomasa, que, nalgúns casos, están “desbordadas” polo uso “continuo e masivo”, tal e como informaron dende o Consistorio alaricano. 

Na actualidade, Allariz dispón de máis dun cento de composteiros nas súas áreas de compostaxe comunitarias, que complementan a función dos máis de 400 composteiros de uso individual dos que dispoñen aqueles propietarios que os solicitaron para as súas parcelas particulares e a recollida porta a porta nos grandes produtores.  Este ano, ademais, estase a executar, en colaboración coa Asociación ADEGA, a entrega doutros 150 composteiros para os usuarios que así o soliciten, sendo totalmente gratuítos. Pódense solicitar en [email protected].

“Allariz está á fronte da recilaxe en Galicia”, din no Consistorio

Dende o Concello de Allariz aseguran que a súa veciñanza “está á fronte da reciclaxe en Galicia” e, por este motivo, agardan que, logo dun parón neste senso por mor da pandemia, “este ano se acade o 50 por cento de lixo reciclado e/ou recuperado”.  Dende esta administración local son conscientes da necesidade de poñer todos os medios a disposición dos cidadáns que queiran involucrarse neste proxecto pero “aínda é máis importante”, engaden dende o Consistorio, “o compromiso co medio ambiente por parte dos veciños, que resulta absolutamente imprescindible ante o avance do cambio climático”. 

O Goberno local trata de involucrar continuamente á veciñanza na correcta xestión de todo tipo de residuos e os datos neste senso teñen sido positivos. Os últimos que se manexan, concretamente, están vencellados á recuperación de roupa: en seis meses recicláronse 34.000 prendas. 

Te puede interesar