Allariz renova as sinais de rutas a pe e en bici

SINALIZACIÓN RUTA CANELAR ALLARIZ (6)
photo_camera María López, edil de Turismo, e Bernardo Varela, tenente de alcalde de Allariz.
Os traballos comezaron con seis novos indicadores na ruta do Canelar

 O Concello de Allariz quere promocionar o turismo ao aire libre e o deporte no seu entorno natural e, por este motivo, o departamento de Turismo que dirixe María López e o de Medio Ambiente, de Bernardo Varela, acaban de poñer en marcha a renovación de sinais indicativas das rutas de sendeirismo e tamén para a práctica de BTT. 

O proxecto iniciouse, tal e como informaron este luns dende o Consistorio alaricano, coa ubicación de seis novos indicadores na ruta do Canelar. Trátase dun sendeiro circular de interese paisaxístico e patrimonial, que parte e remata no mesmo punto: a aldea de Paicordeiro. Máis concretamente, o Canelar ten una variante longa de nove quilómetros que chega ata Penamá. Neste punto foi sinalizado un miradoiro que ofrece unha ampla vista en pleno epicentro da Reserva da Biosfera Área de Allariz. A ruta tamén conta cunha variante curta de cinco quilómetros que chega ata a aldea de San Salvador dos Penedos e aos restos do  Castelo de Todea, volvendo ao punto de inicio. O percorrido de volta dende San Salvador ata Paicordeiro transcorre pola Vía da Prata o seu paso polo Concello de Allariz.

Ademais desta intervención, neste mes de maio procederase á re-sinalización e mantemento do tramo das rutas BTT que percorren a Reserva da Biosfera, en Allariz, e, do mesmo xeito, no verán procederase  á mellora das pezas informativas en Santa Mariña e Armea, colocando  indicadores para que os visitantes  sigan a ruta correcta sen perder ningún detalle desta paraxe histórica e natural. 

Dende as áreas de Turismo e Medio Ambiente aseguraron que o obxectivo “é facilitar a cidadanía local e visitante o acceso  a os nosos recursos”.

Te puede interesar