Allariz repartirá 200 composteiros de uso individual

CAMPAÑA CONCELLO DE ALLARIZ ADEGA 2021 COMPOSTAXE (2)
photo_camera Xosé Romero, María Amigo, Bernardo Varela e Itziar Díaz na presentación da campaña.
Da man de ADEGA o Concello avanzará no fomento da reciclaxe entre os veciños do rural e da vila

O Concello de Allariz, da man da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, dará un novo e importante paso en materia de concienciación ambiental, fomento da reciclaxe e coidado do medio ambiente  cunha nova campaña que se prolongará ata o mes de novembro e que incluirá o reparto de novos composteiros entre a poboación e campañas de sensibilización entre os cativos e os maiores.  Concretamente, repartiranse 200 novos composteiros  de uso individual de entre 450 e 850 litros  co obxectivo de recuperar a materia orgánica producida nos fogares que dispoñan de finca, polo que dita acción estará especialmente dirixida  aos núcleos rurais do municipio alaricano.  Neste senso, dende o Concello de Allariz recordan que, con esta nova entrega, xa habería máis de 500 composteiros repartidos polo municipio e, para poder obter un, será necesario dirixirse  directamente ao enderezo electrónico [email protected] ou ben a [email protected] -tamén se pode solicitar no 988 440 001-. Ademais disto promoverase o reforzo e creación de novas áreas de compostaxe comunitaria cun total de 15 composteiros comunitarios de gran capacidade. O obxetivo é superar o 50 por cento na separación e reciclaxe dos residuos xerados en Allariz ao longo do ano 2021.

 SENSIBILIZACIÓN

A campaña desenvolvida con ADEGA -e que contará tamén coa colaboración económica da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o cofinanciamento, nun 80 por cento, polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, sendo a inversión subvencionable de 41.471,50 euros- tamén incluirá unha parte formativa e de sensibilización social en torno a esta cuestión.  Técnicas de ADEGA  executarán charlas divulgativas no Colexio Padre Feijoo e no Instituto de Allariz e, do mesmo xeito, tamén se realizarán visitas porta a porta para concienciar aos veciños da importancia da separación, recordando que mais do 40 por cento do lixo que se produce é de orixe orgánica. 

Por último, dende o Concello de Allariz  recordan que “o compost é fácilmente manexable, non produce malos cheiros e fertiliza a terra mellorando as produción agrogandeira.

Te puede interesar