Medioambiente

Allariz sube a reciclaxe de envases nun 13,6 por cento

COLECTORES EMILIA PARDO BAZÁN ALLARIZ
photo_camera Un grupo de colectores na rúa Emilia Pardo Bazán, en Allariz. (Cedida)
A vila reciclou en 2020 155.840 kilogramos de envases, latas e bricks 

Os veciños e veciñas de Allariz continúan a amosar o seu compromiso coa reciclaxe incrementando progresivamente esta práctica, como así se pon de manifesto segundo os datos proporcionados polo Concello. Tal e como informou o goberno local, o incremento de reciclaxe de envases foi durante o 2020 dun 13,6 por cento, esto supón 18.700 kilogramos máis que no ano anterior. Se no 2019 se contabilizaran un total de 137.140 kilogramos de envases, a subida do ano 2020 coloca a Allariz con, en total, 155.840 kilogramos de envases, latas e bricks reciclados.

Malia esta subida, dende o Concello volven a facer fincapé na importancia de reducir este tipo de lixo con prácticas máis sostibles, aínda que recoñecen o "compromiso" dos veciños e dos grandes produtores en materia de medioambiente. 

Este incremento da práctica da reciclaxe tivo dobre "premio", por unha banda, "a satisfacción persoal", din dende o goberno local, pero tamén a contraprestación económica: "Isto supuxo uns ingresos para o municipio de 44.281,02 euros, cuns 6.773,3 euros máis que o ano 2019", matizan dende o Concello de Allariz. 

O edil de Medioambiente, Bernardo Varela, asegurou que "está  moito feito neste eido, pero aínda queda moito por facer. Un Allariz máis limpo é cousa de todos e de todas". Neste senso, ademais, o Concello recorda que ante calquera dúbida relacionada coa separación do lixo, pódese remitir un correo electrónico ao enderezo [email protected].

Estos datos positivos súmanse aos correspondentes á fracción vidro, do que se reciclaron, en 2020, 209.830 kilos -33,6 kilos por habitante-, 2.500 kilos máis que con respecto a 2019.

Te puede interesar