Unha andaina dará a coñecer o patrimonio natural de Allariz

undefined
photo_camera Carteles conmemorativos da vindeira edición da andaina.
Dende a vila preparan a que será a vixésimo cuarta edición da Andaina de Allariz, que iniciara o seu percorrido alá polo ano 1998 colleitando, dende entón, “unha popularidade que non parou de medrar”

O concello de Allariz reivindícase como un dos pioneiros na organización de andainas. Neste senso, dende a vila preparan a que será a vixésimo cuarta edición da Andaina de Allariz, que iniciara o seu percorrido alá polo ano 1998 colleitando, dende entón, “unha popularidade que non parou de medrar”, subliñan dende o Consistorio.

A vindeira cita para os camiñantes que queiran achegarse a coñecer o patrimonio natural alaricano, terá lugar o día 18 do mes de xuño. E é que esta actividade, insisten dende o Concello, é unha iniciativa coa que se pretende “potenciar e dinamizar o fermoso itinerario que discorre polas antigas vereas, corredoiras e sendeiros naturais de Allariz e arredores”. 

RESERVA DA BIOSFERA

Por outro lado, esta proba contará cun “importante compoñente cultural” xa que o percorrido atravesará “a meirande totalidade dos camiños que cruzan a Reserva da Biosfera - Área de Allariz”. 

O periodo de inscricións para poder participar iniciarase o vindeiro día 8 de maio. Poderanse formalizar tanto na piscina municipal, como tamén na tenda Redonet, colaboradora desta iniciativa durante os últimos anos. 

Nos vindeiros días darase a coñecer os percorridos, así como o resto da información desta edición de 2023.

Te puede interesar