Apañadeiras e cacharreiros, o legado de Niñodaguia

undefined
photo_camera Carmen Pequeño, Mónica Blanco, Estrella Vázquez, Conchi Vázquez e Josefa Blanco. (José Paz)
Tradición, historia e cultura popular, a fornada tradicional e o fiadeiro volveron a encender os antigos fornos de pedra para cocer as olas e as mulleres amosaron o seu equilibrio para levar as pezas

A primeira hora da mañá, os tres fornos de pedra de Niñodaguia, que chegaban ata os 1.000 graos de temperatura, botábanlle un pulso á humidade para a súa cita anual coa tradición: a fornada e o fiadeiro. A escasos metros, baixo unha carpa, os veciños entoaban “A Rumboia” mentres quitaban o papel de periódico ás cuncas e aos pratos de barro que se empregarían para a comida popular. O menú: callos, bica, viño, empanada e café para máis de 300 comensais. 

A de onte foi a cita máis especial do ano en Niñodaguia, unha xornada para poñer en valor a olería e a cultura popular que xiraba, como a roda alta na que se manipulaba o barro, en torno a ela. Tamén para enxalzar a figura do cacharreiro e a da apañadeira. E é que, antigamente, para que os artistas do barro puideran dar forma e cocer as súas olas, había mulleres detrás que se tiñan que encargar de duras tarefas como traballar no campo ou apañar, con moito coidado, ducias de pezas para gardalas en faiados unha vez que estaban feitas ou transportalas ata os fornos para cocelas. Esto era algo que, dende Niñodaguia, aseguran que non podía facer calquera. Era necesario ter moito equilibro xa que a louza antes de cocer era moi fráxil e calquera movemento coa cabeza podía fracturar as pezas, pois ían moi xuntas.  Elaborar a louza para encher unha fornada podía levarlle aos cacharreiros algo máis dun mes. Cando o facían, as apañadeiras realizaban o seu labor de apoio durante varios días. 

A día de hoxe, e aos seus 89 anos, Estrella Vázquez continúa mantendo intacto ese equilibro coa rolla -un trapo enrolado- e o cesto na cabeza, como cando era unha nena. Así o amosou onte levando as olas que se coceron na Fornada tradicional durante algo máis de dúas horas. Filla e irmá de cacharreiros, dende moi noviña participou desta tradición e onte contribuiu a poñela en valor xunto a Josefa Blanco, Conchi Vázquez, Carmen Pequeño e Mónica Blanco. “Lémbrome de todo, porque o fixen”, conta Estrella. “Para que os homes quedaran na roda, aquí as mulleres tiñan tamén que traballar no campo o que noutros pobos facían os homes: en Niñodaguia as mulleres araban, rozaban… ”, apunta Conchi. 

undefined
Agustín Vázquez e o seu compañeiro Enrique Cabana. (José Paz)

Precisamente, no museo de Niñodaguia, e tal e como lembra Agustín Vázquez, pódese ver un busto en homenaxe as mulleres que, como Estrella, axudaron aos centos de cacharreiros que traballaron na localidade. Tamén para eles foi o día de onte: “Esta festa é unha homenaxe aos alfareiros vellos, aos que ían ao fiadeiro”, conta Agustín, que aprendeu, aos once anos, o oficio con xente que hoxe en día rondaría os 100 anos. O seu fillo José decidiu, hai 18 anos, continuar co oficio do seu pai. Hoxe é o único que encarna o relevo xeneracional desta tradición en Niñodaguia e fai pezas para restaurantes, outras personalizadas ou pratos para festas. 

Con Agustín, Enrique Cabana tamén mantén vivo o oficio. Dende os 15 anos dedicouse a el, e soamente deixou esta actividade cando tivo que facer o servizo militar: “Meu pai era un dos únicos homes de aquí que non era alfareiro, pero eu quixen aprender esta profesión porque me gustaba. Fíxeno co ‘Cachela’, co José María, que era tío de Agustín”, lembra Enrique. “A alfarería é difícil de aprender e tenche que gustar”, engade. 

Ademais de para poñer en valor un dos oficios máis antigos do mundo, onte en Niñodaguia quixeron lanzar unha mensaxe: “Que se regale artesanía” e que as institucións “apoien máis a olería tradicional” para que non se perda. 

 A vindeira cita coa olería en Niñodaguia será o encontro de cacharreiros, que terá lugar en agosto.

Te puede interesar