Atopada unha cabeza antropoforma do século I en Allariz

cabeza (1)
photo_camera A cabeza antropoforma é inusual no contexto galego, segundo os expertos.
Trátase dun importante achado de 60 centímetros, pois non hai moitos similares no contexto galego

Despois de preto dun mes de traballo, a décima campaña de investigacións e escavacións na Cibdá de Armea chegou ao seu fin con importantes conclusións e achados. O máis importante, segundo os expertos da UVigo, unha cabeza de pedra de figuración humana que estaría incrustada na parede dunha casa antiga ubicada baixo as grandes domus visibles.“Trátase dun achado importante porque cabezas deste tipo hai moi poucas no contexto galego, arredor dunha vintena, e a maioría relacionadas con cabezas de guerreiros. Achar cabezas antropoformas en ambientes galaicoromanos é moi pouco habitual. É un elemento de cultura material que non se atopa todos os días”, explica Adolfo Fernández, director do proxecto, quen fixo un balance “moi bo” deste final de campaña, pois “conseguimos escavar todo o que estaba previsto e con bos resultados”. 

A intervención estivo financiada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e polo Concello de Allariz no marco do convenio existente entre a entidade local e a Universidade de Vigo. Desenvolveuse no mes de xullo e nela participaron membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo; 30 estudantes en prácticas de titulacións afíns e procedentes de diferentes universidades estatais e persoal de apoio do concello.

Na finca adquirida polo Concello de Allariz e na que se centraron, desta volta, as investigacións, escaváronse arredor de 200 metros que permitiron ampliar o xa coñecido da rúa central da Cibdá, da domus ou vivenda leste, tamén chamada do tríscele, e da domus norte, tamén chamada do hexáscele. No caso da domus do tríscele “abriuse unha zona nova cara o leste e apareceu un atrio, unha especie de patio enlousado onde se recollían as augas do tellado”, indica Fernández. Polo que respecta á domus do hexáscele “atopamos dúas novas estancias ou habitacións”. Por último, comenta o arqueólogo, ampliouse a zona aberta da rúa central do xacemento, que divide as domus do tríscele e a do hexáscele. Nas escavacións realizadas localizáronse fragmentos cerámicos, vidro e metais de bronce e ferro como xoias, fragmentos de caldeiros e remaches.

Te puede interesar