A busca de emprego 2.0 centrará unha xornada con entidades sociais que se celebrará este martes en Allariz

A busca de emprego 2.0, coa utilización das novas tecnoloxías, será un dos eixes principais da Xornada Autonómica de Emprego que este martes, día 12, reunirá en Allariz a profesionais de entidades sociais como Cáritas, Cruz Vermella, Fundación ONCE e Secretariado Xitano.
O encontro, que se desenvolverá no Hotel AC de Allariz, examinará a actual situación laboral e analizará as oportunidades que teñen os colectivos vulnerables de acceder a un traballo.

Segundo informa a organización, ás 10.30 horas intervirá a directora xeral de Promoción do Emprego da Xunta, María Amparo González, para expoñer 'O papel das ONG nos plans actuais da Xunta en relación ás políticas activas de emprego'.

Máis de 50 profesionais asistirán a este encontro para intercambiar experiencias e xuntar esforzos na promoción do emprego das persoas con máis dificultades.

Ademais de emprego das novas tecnoloxías para a busca de emprego, a xornada abordará a reforma laboral e como afecta esta aos colectivos vulnerables cos que traballan as citadas entidades e que son, entre outros, persoas con minusvalidez, inmigrantes, xente sen fogar, vítimas de violencia ou poboación xitana.

Te puede interesar