festividade

Caluroso regreso á época medieval en Allariz

Allariz brindou á historia a súa particular lembranza a unha importante etapa da mesma, a medieval. Se non fose porque se sabía que era o "Boi", moitos foráneos apostarían polo Entroido, de tanto traxe que alí se viu

As festas non hai como vivilas e bebelas para entendelas. A frase non é de quen suscribe, senón dun visitante que no día de onte percorría aínda "decentemente" unha das rúas de Allariz, atraído por todo o que durante a semana que hoxe acaba de comezar ofrece esta ubicación ourensana. Se non fose porque a poucos metros estaban grande parte dos vehículos dos comensais, o campo de Barreira exemplificaba no mediodía de onte como poderían ser os xantares populares na época do Medievo. 

As carpas, abafantes pola extraordinaria calor que soportaban os de dentro, os pulpeiros e os de fóra, quedaron pequenas para os centos de reconvertidos alaricanos que non dubidaron en vestirse de época para desfrutar en comuna dos víveres con que cada un se forneceu. 

O día arrancou coa apertura do peculiar mercado da Rúa Pepe Puga, no que se podían adquirir dende produtos de alimentación elaborados na contorna ata pedras cuns exquisitos poderes vitais mercadas na India. Unha apresurada clase temática fai, por exemplo, que se descobra que un colar de malaquita para ela é capaz de liberar inhibicións e expresar o que sentimos, ou que o cuarzo branco precisa de ser depurado nas augas dunha fonte ou regueiro e recargado sempre se que albisque lúa chea baixo as estrelas. Esculturas, pendentes ou pulseiras completan a oferta. 

Despois, un pasarrúas foi o preámbulo da procesión medieval do Xan de Arzúa, na que a vila teatraliza a orixe desta Festa do Boi. Ao peche, unha carreira medieval do boi serviu coma anticipo do xantar. Para min, demorouse ata pasadas as catro e media da tarde, o tempo xusto para reposalo e prepararse para o concurso de trobadores no mesmo campo da Barreira. Logo, baixando o sol, quenda dos chateos, do licor e da música de charanga ata que cara as nove se dé o pistoletazo de saída dunha nova carreira do boi, que o sábado deu algún mínimo susto nunha das terrazas de Emilia Pardo Bazán pola que discorre. E así, bebendo e correndo, ata que o corpo ature ou chegue o vindeiro domingo, o que ocorra máis pronto.

Te puede interesar