A carreira de Baños de Molgas obrigará a cortar o tráfico

Os cortes comenzarán o vindeiro 31 de tullo, ás 18,00 horas

A décimo terceira edición da Carreira Popular de San Salvador de Baños de Molgas que terá lugar o vindeiro día 31 de xullo, a partir das 19,00 horas, obrigará a realizar reaxustes no tráfico e a cortar algunhas das estradas deste entorno, tal e como informou o rexedor local, Xaime Iglesias. 

Os cortes comezarán a partir das 18,00 horas e prolongaranse ata as 21,00 horas, momento no que se estima que rematará a competición. Concretamente e segundo precisou o propio alcalde, estará cortada ao tráfico a estrada Allariz - Maceda (OU108) dende o balneario ata o cruce da estrada Baños de Molgas-Arnuíde (OU109). A maiores e parcialmente, cortarase un carril na OU109 -dende Baños de Molgas a Arnuíde-. 

Xaime Iglesias explicou que se acondicionará e sinalizará un desvío alternativo: “En lugar de baixar pola vila, os turismos poderán, dende a OU108, meterse á OU109, para, posteriormente, dar a volta e saír na zona do balneario”, apuntou o rexedor local. 

O alcalde advertiu, non obstante, que os camións de grandes dimensións, que non darían pasado polo desvío, terán que dar a volta polo campo de fútbol en dirección Maceda. 

A carreira popular de San Salvador será a primeira das probas deportivas que se celebrarán en Molgas este verán, pois tamén haberá billarda, BTT, e ciclismo.

Te puede interesar