Diversidade para sobrevivir, en Allariz

202205_MA220516_11034_resultado
photo_camera Lucía Xiao, á dereita da imaxe, xunto á súa profesora de Filosofía, María de Toro, onte en Allariz.
Lucía Xiao Quintairos ten 16 anos e é unha das gañadoras da Olimpiada Filosófica de España cunha cortometraxe na que reflexiona sobre o transhumanismo e de que xeito perderiamos, con el, a nosa esencia e bondade humanas.

Dixo unha vez Isabel Allende que “el seguro de vida de cualquier especie es la diversidad” e Lucía Xiao Quintairos, alumna do IES de Allariz, recolleu esa frase nunha peza audiovisual na que, converténdose en Lea Seara, cuestionou o transhumanismo e logrou o primeiro posto na categoría de Vídeo da novena edición da Olimpiada de Filosofía de España. 

Como Allende, esta alaricana de 16 anos defende a diversidade como “o que nos traeu ata aquí” e a súa “beleza e riqueza”. A estudante observa unha incompatibilidade entre o transhumanismo -movemento que persegue a evolución humana cara unha especie máis tecnolóxica e cunhas capacidades claramente melloradas, unificadas e perfeccionadas e no que se mestura a controvertida euxenesia- e o sermos humanos.  “Tratábase de dar resposta á pregunta sobre se o transhumanismo melloraba ou era o final da especie. Dende o meu punto de vista si que eliminaría a humanidade, porque dende o momento no que consideras que tes que ascender á posthumanidade aí eu penso que xa abandonas a humanidade”, relata Lucía. 

Nunha cortometraxe de catro minutos de duración, Lea Seara -a propia Lucía-, unha adolescente dun mundo en evolución ao transhumanismo, recibe unha cámara que bautiza como Willy e convértea nun diario. Lea fala de Luca, o seu amor adolescente e símbolo do mencionado cambio. “Luca ten os recursos económicos para mercar todos eses aparatos tecnolóxicos -con algún pode ver o que acontece ás súas costas e, incluso, seleccionar os seus recordos-. Eso é algo tamén a ter en conta, que non todo o mundo ten os mesmos recursos”, opina a estudante. “Cando Luca suprime o recordo de Lea é cando ela comeza a reflexionar sobre a perda da nosa esencia como resultado do esquecemento do pasado ou se realmente hai algo tan insignificante que non mereza nin tan sequera ser lembrado. Para Lea todos os seus recordos son esenciais porque fan dela a persoa que é”, engade. 

Cando Lea comproba que o mundo que coñece comeza a desaparecer, fálalle a Willy dun xeito mais serio e sen esperanza. Tamén inicia unha defensa da diversidade -que o transhumanismo suprimiría-, non soamente a que ten que ver co físico, a cor da pel ou a forma dos ollos, senón tamén a biolóxica, a xenética e a emocional. “Por que non aceptamos as diferenzas? Son as que nos trouxeron ata o que somos hoxe”, explica Lucía en alusión aos sentimentos de Lea, que decidirá continuar sendo humana nun mundo transhumano. “Para mín o humano é a aceptación. O transhumano deixa de lado aos máis débiles”, conclúe Lucía, quen, na súa propia pel experimentou nalgunha ocasión ese sentimento de a quen o miran de xeito diferente: “Eu nacín en China pero son alaricana de pés a cabeza. Porque teño os ollos rasgados, pero do demáis son igual. A diversidade é beleza e riqueza, e o transhumanismo quere eliminar iso, polo que, para min, non é tan humano”. 

María de Toro é a mestra de Filosofía do IES Allariz e docente  de Lucía, e non pode ocultar o orgullo pola súa alumna: “No fondo pensas que algo ben estás facendo. Hai alumnos que son máis sensibles que outros neste senso, pero hai que adaptarse dentro da formación para tratar de chegar a todos”, conta. “Estou moi contenta por ela e tamén polo feito de que se vexa a filosofía como algo que non soamente queda nas clases: A filosofía está no día a día. Está viva”, asegura.

Te puede interesar