As empresas da provincia analizan vías de innovación en Allariz

Este mércores celebrouse no centro de Allariz unha nova edición de Camiño do futuro

O Hotel OCA de Allariz acolleu este mércores unha nova edición de Camiño de futuro, unha iniciativa que busca achegar ás pequenas e medianas empresas as axudas existentes -e ofrecidas pola Xunta de Galicia- de cara á súa innovación.  O evento congregou a máis de medio centenar de membros do tecido empresarial e de entidades asociativas como a de Verín, Aever, e a de Celanova Chea.

Na vila alaricana, representantes do Igape, da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Grupo de Desenvolvemento Rural Limia – Arnoia  explicaron todas as posibilidades para as empresas da contorna de acceder a apoios vinculados coa innovación, o emprendemento, a dixitalización, internacionalización, sustentabilidade, produtos e procesos agrícolas en sectores como apicultura, silvicultura, e mesmo actividades non agrarias no rural, entre outras.

Bernardo Varela, tenente de alcalde de Allariz, foi o encargado de inaugurar o acto e subliñou que “cando un emprendedor decide tomar este risco é fundamental que todas as administracións poñamos toda a carne no asador para que poidan levar adiante o seu proxecto vital”. Do mesmo xeito, ofreceu a colaboración do concello para celebrar máis iniciativas deste tipo “pola importancia que teñen”.  

Pola súa banda, Patricia Argerey, directora de Gain, destacou que o obxectivo destes encontros -que se inscriben no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes- é “animar á pemes a iniciar o camiño da innovación, para ser máis competitivas e medrar, así como para facer fronte aos retos globais actuais, que dificilmente se poden abordar sen innovación”. 

O peche do acto correu a cargo da Confederación Empresarial de Ourense, máis concretamente na figura do seu secretario xeral, Jaime Pereira, quen salientou que “agora é o momento, máis ca nunca, de estar ao carón das empresas desde todas as entidades, organismos e administracións, traballando de xeito coordinado e colaborando para facilitar as condicións idóneas para que as empresas poidan seguir desenvolvendo a súa actividade a pesar do momento complicado que atravesa a economía”. Pereira lembrou tamén que desde a CEO esta tarefa lévase a cabo a través do proxecto Conecta Ourense.

Allariz foi a segunda parada na provincia do Camiño de futuro, unha iniciativa que percorrerá catorce puntos da xeografía galega ao longo dos meses de marzo e abril, e que en Ourense pechará o seu percorrido o luns 21 de marzo en Beade para facer partícipes deste mapa de apoios ás empresas e emprendedores das contornas do Ribeiro, Carballiño e limítrofes. 

Te puede interesar