Flores e cerámica uniranse na vila de Allariz o día 1 de xullo

María José Castro, María López e Estefanía Prieto na presentación.
photo_camera María José Castro, María López e Estefanía Prieto na presentación.

O Concello de Allariz e as produtoras locais presentaron a II edición do mercado Ola & Flora

Ola & Flora, o mercado de floricultura e cerámica, volve este ano a Allariz para celebrar a súa segunda edición o vindeiro 1 de xullo na Praza do Matadoiro. Así o aseguraron as produtoras alaricanas Estefanía Prieto e María José Castro durante a presentación do evento, a que tamén asistiu María López, concelleira de Promoción Económica do Concello de Allariz. 

O obxectivo desta iniciativa “é consolidar un mercado de verán no que se concentrarán máis dunha ducia de expositores do sector da flor cortada e a cerámica, nun intento por visualizar ás pequenas empresas galegas do sector que destacan pola calidade e diferenciación dos seus traballos”, sinalou durante a presentación María López. Con esta idea clara, o mercado pretende ser “un lugar de encontro no que coñecer diferentes proxectos de floricultura artesanal”, remarcaban as produtoras alaricanas. 

Ola & Flora xurdiu ao ver que dun tempo a esta parte “está habendo un crecente interese nas flores cultivadas dun xeito sostible, sen abuso de pesticidas e producidas localmente”, explicaban Castro e Prieto, percibindo tamén como se están abandonando prácticas como o “uso da contaminante espuma floral”. 

Máis ala das flores, este mercado tamén ten un importante compoñente do sector da cerámica. Isto débese a que “é tendencia o emprego de bases cerámicas de autor para arranxos florais”, sinalaban durante a presentación do mercado. “Certo é que o tradicional oficio da olería mantense moi vivo ata os nosos días, sendo un dos faceres máis ancestrais, así como mostra de que sabe evolucionar cos tempos ofrecendo pezas útiles e ao tempo verdadeiras xoias ornamentais”, engadiron.

Así, os interesados en coñecer Ola & Flora poderán facelo o 1 de xullo en horario de 10,00 a 14,00 e de 16,00 a 20,30 horas, onde tamén haberá obradoiros e sorteos.

Te puede interesar