A tradicional procesión centrou os actos dominicais na Festa do Boi

Os gremios acompañaron a Xan de Arzúa en Allariz

Xan de Arzúa, ao lombo dun boi ficticio, presidiu a procesión gremial polas rúas do casco histórico. (Foto: JOSÉ PAZ)
Xudeus e cristiáns corearon onte 'aí ven o boi' no colofón da multitudinaria representación da procesión de Xan de Arzúa. A Praza do Eiró, aos pés da igrexa de San Pedro, albergou o inicio da teatralización, na que participaron uns 400 veciños da vila. As autoridades locais do medievo -a correxidora, o fiscal, cregos e nobres- lideraron a posta en escea dos feitos históricos que, no ano 1317, motivaron a xeración da festa do boi tras unha riña entre xudeus e cristiáns na procesión do Corpus.
As empinadas rúas do casco histórico foron o escenario da representación liderada por Xan de Arzúa que, por barrios, foi sumando gremios á procesión ata chegar á Barreira. Alí, esperaba Dona Sancha do convento de Santa Clara, que presidiu a mixtura de danzas gremiais con cánticos máis actuais entorno a festa que provocaron os aplausos do público. Antes do xantar para gremios e visitantes no propio campo da festa, mozos e non tanto participaron na carreira medieval do boi. Pola tarde, a troula continuou ca batucada da Casa da Mocidade e, as oito, carreira. Unha edición algo accidentada posto que o animal enbestiu un dos bois en bronce que compón o grupo escultórico do casco histórico.

Hoxe luns haberá dúas carreiras de adultos (8,00 e 21,00 horas) e unha infantil as 18,30 horas.

Te puede interesar