As illas de compostaxe de Allariz terán videovixilancia

O coñecido como “Servizo RE” naceu en 2015 para apostar por unha mellor xestión dos residuos, fomentando a compostaxe comunitaria e a individual.

O Concello de Allariz acomete o acondicionamento das illas de compostaxe comunitario e de almacenaxe de biomasa e, ademais, para un mellor uso das mesmas, instalará cámaras de videovixilancia. Así o informaron dende o Consistorio alaricano logo de facer, previamente, inventario das necesidades de cada espazo en cuestión e proceder a realizar as reformas e ampliacións pertinentes. O obxectivo final non é outro que facilitar a recollida e a limpeza da biomasa. 

Por outro lado, por medio desta intervención, tamén se modificará a sinalización de ditos espazos cunhas novas lonas, que amosarán unha imaxe renovada na que se
explicará a función de cada zona e o xeito no que deberán empregarse para acadar un bo uso. No tocante ás cámaras de videovixilancia, foi o tenente alcalde, Bernardo Varela, quen anunciou que “ás obras acometidas nas zonas comunitarias sumaráselle a instalación de cámaras de videovixilancia nestas illas para que o uso sexa o correcto”.

O coñecido como “Servizo RE” naceu en 2015 para apostar por unha mellor xestión dos residuos, fomentando a compostaxe comunitaria e a individual. Na actualidade e segundo datos que aportan dende o Consistorio, o número de composteiros individuais repartidos en todo o Concello de Allariz supera as 600 unidades, que xunto coa utilización dos composteiros comunitarios dan, din no Concello, “boa conta da implicación veciñal neste proxecto”. Nesta liña, a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, mantén que as taxas de reciclaxe na vila “aumentan ano a ano”. 

A obra está sendo financiada con fondos da Reserva da Biosfera a través dunha subvención da Consellería de Medioambiente -Fondos Next Generation-, e con fondos municipais.

Te puede interesar