Maceda limpará 46 hectáreas para previr os lumes

Os traballos estanse centrando nas parroquias priorizadas de Castro de Escuadro e Santiso

O Concello de Maceda, en colaboración coa Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias e Seaga está inmersa no plan de prevención de incendios e limpeza de faixas secundarias nos puntos máis conflitivos a nivel de incendios. Trátase, concretamente, nas parroquias seleccionadas como priorizadas pola comisión de seguimento do convenio entre as distintas entidades mencionadas: Castro de Escuadro e Santiso, onde se limparán 32,14 hectáreas e 14,16 hectáreas, respectivamente. 

A Concelleira de Servizos Sociais e Medio Ambiente do Concello de Maceda, Ana María Rodríguez Blanco, asegurou que a colaboración veciñal neste senso foi total e que se asinaron, na súa totalidade, un centenar de contratos para levar a cabo esta xestión da biomasa. Tamén existía a posibilidade, non obstante, de que cada particular acometese a limpeza do entorno sinalado pola súa conta. “Logo de varias reunións cos veciños iniciadas o pasado mes de setembro e nas que estiveron presentes técnicas de Seaga, a xestión dos contratos firmados polos veciños se iniciouse o mes pasado”, puntualizou a concelleira de Maceda. 

Dende o Concello de Maceda manifestaron a súa satisfacción coa resposta veciñal neste senso: “A proposta de actuación foi ben acollida pola veciñanza, que colaborou coa identificación da titularidade das parcelas. A tramitación administrativa no concello foi posible pola implicación de varios departamentos, requerida pola gran cantidade de contratos e a obriga de organización das citas pola pandemia”, declarou a edil. “A cooperación é imprescindible para preservar o medio natural privilexiado do noso concello”, apuntou a concelleira.

Te puede interesar