Maceda renovará os seus viais principais con medio millón

251121 Visita obras estrada Maceda 2
photo_camera Gabriel Alén visitou o lugar das obras xunto ao rexedor e outros membros da corporación.

Substituirase a capa de rodadura, repararanse as beirarrúas e mellorarase a accesibilidade

Logo do cumplimento do periodo de licitación e o inicio das obras, Maceda terá en cinco meses tres dos seus viais principais totalmente renovados e mellorados na súa seguridade e accesibilidade. Foi o anuncio que achegou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, ao municipio ourensán este mesmo xoves. Alén adiantou que mañá mesmo xa se poderá consultar a obra na Plataforma de Contratos de Galicia para que as empresas poidan achegar ofertas. Trátase, concretamente, da renovación do firme e reparación de beirarrúas na estrada OU-104, así como a mellora da  accesibilidade nas estradas OU-101 e OU-103 ao seu paso polo concello de Maceda. Todas as actuacións suporán un investimento por parte da Xunta de Galicia de 568.272 euros. 

Máis polo miúdo, as obras consistirán na substitución da capa de rodadura e na reparación de beirarrúas na OU–104, a estrada autonómica entre o Alto do Couso e Maceda; concretamente, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 5+370 e 5+980. Ademais, mellorarase a accesibilidade nas estradas autonómicas OU-101, Ourense-Maceda, e OU-103, Maceda-Os Milagres do Medo.

O proxecto prevé, ademais, a recollida das augas superficiais mediante sumidoiros e reixas-sumidoiro. Instalaranse, ademais, 47 luminarias de módulo LED fabricadas en aluminio inxectado sobre columnas de sete metros de altura fabricadas en chapa de aceiro ao carbono; e executaranse canalizacións subterráneas en previsión de futuras instalacións de baixa tensión e telecomunicacións no núcleo de Maceda.

Por outro lado, os pavimentos de formigón proxectados executaranse cun formigón de firme tipo HF-4,0 cun grosor mínimo unha vez compactado de 18 centímetros.

Por último, plantaranse 29 novas árbores e colocaranse 52 asentos de formigón prefabricado. 

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense visitou o lugar das obras da man do rexedor local, Rubén Quintas, e quixo destacar a aposta da Xunta mediante este investimento “por impulsar a mellora de infraestruturas vertebradoras” no interior da Comunidade, contribuíndo “a un rural vivo”.

Te puede interesar