Manuel Vázquez Augusto: “En Allariz mudamos moito o repertorio, eso abre o oído para crear”

IMG-20210830-WA0003
photo_camera Manuel xunto a Alba Val, presidenta da Banda de Antas de Ulla.
Manuel Vázquez, saxofón tenor na Unión Musical de Allariz dende os seus inicios, vén de acadar o primeiro premio de composición de pasodobres convocado pola Banda de Antas de Ulla 

Manuel Vázquez é saxofón tenor na Unión Musical de Allariz dende os seus inicios, unha agrupación que, malia a súa xuventude, está fomentando o desenvolvemento de grandes músicos. Proba disto é este enxeñeiro informático -rematou tamén os estudos profesionais de Saxofón e vai iniciar os de Gaita- que vén de acadar o primeiro premio de composición de pasodobres convocado pola Banda de Antas de Ulla por mor do seu 125 aniversario. O pasodobre Afouto será a peza oficial deste aniversario. 

Ten moitas pezas compostas?
A primeira que estrenei foi na Banda de Allariz e fixen algunhas outras. Recentemente encargoume a Banda de Ortigueira un pasodobre na honra dun músico que, lamentablemente, falleceu no 2019. Que se tocaran teño unhas cinco ou seis, logo hai outros proxectos inacabados ou que nunca chegaron a tocarse. 

De onde saca tempo para compatibilizar os estudos coa composición?

O feito de ir a un conservatorio e realizar estudos universitarios ensínate moito a organizar o tempo. A mín non me para a cabeza, sempre fun de andar en 50 sitios distintos. O da composición é algo simpático porque podes pasar cinco horas sen que te saia nada e nunha avanzar moitísimo. 

En que momento probou a compoñer?

Digamos que non me lembro do detonante, pero con 13 anos empecei a “chapurrear”. Hoxe en día hai programas de composición interesantes, experimentando un pouco e recibindo consello de Vega -José Manuel Vega, director da Unión Musical de Allariz-. De feito, leveille moitas pezas que non me daban sonado e aprendín de erros.

Que é o que lle proporcionou a vostede a nivel musical a Unión Musical de Allariz?

O feito de que cada ano escoitamos e tocamos pezas novas e de distintos estilos. Eso permíteme coller ideas e comprobar como se comportan os instrumentos con cada unha. Collo inspiración de aí para compoñer, ábrese o oído. 

Non é habitual o cambiar as pezas anualmente?

Depende da banda. As máis tradicionais e antigas pois cando van aos pobos a xente máis maior quere que toquen o de toda a vida: pasodobres, muiñeiras ou jotas. Nós en Allariz, cada ano preparamos repertorio novo. 

Vai a estudar un máster relacionado coa súa formación universitaria de enxeñeiro, pero, gustaríalle nun futuro dedicarse á composición ou é dificil?

É difícil e tes que ser moi bo. Na composición, ademais, hai bastante competencia. A informática a teño agora primeiro, pero encantaríame dedicarme á composición. Quero facer algún curso. 

De banda ou de grupos?

A que máis me interesa é a de bandas. Teño varias composicións.

Hai que ter un don especial para compoñer ou son máis necesarios o traballo e a constancia?

O don axuda, pero precísase moita práctica. A compoñer apréndese escoitando e pasando horas diante do ordenador e experimentando. 

¿Que lle resulta o máis complexo á hora de compoñer?

A instrumentación, sobre todo, en banda, onde hai que facer entre 30 e 40 partes diferentes. O ordenador toca todo, pero o músico ten que saber que pode facer cada instrumento.

Te puede interesar