Nova fase para a mellora de zonas lúdicas en Allariz

undefined
photo_camera Cristina Cid xunto a Tino Feijóo atendendo ás explicacións.
Os técnicos traballan agora no parque situado ao carón de San Benito

O Concello de Allariz continúa traballando, a través de diferentes fases, na mellora e renovación de zonas lúdicas da vila. Nestes intres vén de comezar, logo da retirada hai uns meses dos distintos elementos e xogos antigos, a reforma do parque infantil ubicado nas inmediacións do Santuario Diocesano de San Benito, patrón da localidade, próximo ao Campo da Barreira. 

Precisamente, a rexedora, Cristina Cid, visitaba hoxe xoves pola mañá o comezo da intervención xunto ao arquitecto técnico e director da Oficina de Urbanismo do Consistorio alaricano, Celestino Feijóo; e atendía ás explicacións dos técnicos encargados das melloras. 

O proxecto incluiu, por outra parte, o asfaltado -xa acometido recentemente- da estrada que pasa ao carón das instalacións -denominada Camiño dos Caños e que chega ata o termo de Nanín- e outras pistas próximas. Hoxe procedeuse á instalación do peche da zona de xogo infantil, acción que supervisou a alcaldesa alaricana. 

Tal e como explicaron dende o Concello, a obra consistirá no seu conxunto na substitución dos elementos da zona de xogo por uns novos e no cambio do firme de caucho por céspede artificial especial para parques infantís -que estará reforzado cunha base sólida-. 

Tamén se mellorará, doutro lado, a pista polideportiva, cambiaranse elementos que forman parte das instalacións, como as redes, e pintarase e remodelarase parte da varanda da mencionada pista. Neste senso, din dende o Consistorio, o obxectivo é que “xunto co novo peche da zona de xogo, esta zona urbana sexa un agradable lugar para que as crianzas e a mocidade da vila desfruten do espazo”. 

Por outra banda, dentro da mesma remodelación, o Concello de Allariz pretende integrar uns novos murais para proporcionar a este entorno “unha imaxe máis afable e integrada”. 

Coa intevención do parque de San Benito de Allariz dase comezo  á segunda fase do Plan de mellora de zonas lúdicas desenvolvido polo ente local e incluido nun proxecto máis amplo de mellora de espazos municipais. Nesta liña, primeiro foi a quenda para as instalacións situadas na zona do Portovello e tamén na de Vilanova. 

APOIO DA DEPUTACIÓN

O custe total da remodelación do entorno lúdico da vila ascende aos 90.000 euros, segundo puntualizaron dende o Concello este xoves. O ente provincial achegou para esta finalidade unha contía de 70.000 euros, aportando o Concello de Allariz os 20.000 euros restantes e necesarios para completar o proxecto de renovación que estará rematado nos vindeiros meses.

Te puede interesar