O novo parque empresarial de Paderne de Allariz terá que favorecer as zonas verdes

O novo polígono de empresas de Paderne virá a reforzar, tal e como subliñan dende a Administración Autonómica, o carácter estratéxico deste foco empresarial da área funcional de Ourense formado polo polígono industrial de San Cibrao das Viñas e o Parque Tecnolóxico de Galicia.

A ordenación do novo parque empresarial de Paderne de Allariz avanza a bo ritmo e cumprindo cos preceptos administrativos obrigatorios. Neste senso e segundo informaron este xoves dende a Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, acaba de completarse a tramitación ambiental. Así, tal e como se indica no informe emitido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático -que segundo a anuncio publicado o mércores no Diario Oficial de Galicia xa se pode consultar na páxina web da Consellería- non se esperan efectos ambientais significativos, polo que non é necesario sometelo a avaliación ambiental estratéxica ordinaria. Non obstante, si se recolle que o proxecto deberá conter “un estudo de paisaxe e favorecer as zonas verdes mediante a implantación de especies autóctonas”.

O novo polígono de empresas de Paderne virá a reforzar, tal e como subliñan dende a Administración Autonómica, o carácter estratéxico deste foco empresarial da área funcional de Ourense formado polo polígono industrial de San Cibrao das Viñas -que se verá reforzado coa futura ampliación do Centro Intermodal de Transportes e Mercancías- e o Parque Tecnolóxico de Galicia.

O parque de Paderne de Allariz terá unha superficie de case 1,2 millóns de metros cadrados, dos cales, 618.100 metros cadrados se reservan para parcelas de uso industrial, 221.790 para o sistema viario, conexións e aparcamentos; 247.860 para os espazos libres e zonas verdes e máis de 48.000 metros cadrados para equipamentos e servizos técnicos.

Te puede interesar