CRÓNICA

A Olería do Batán volve ter vida

Oleria Batan1_result
photo_camera Aspecto que presenta a Olería do Batán, que abrirá as sús portas como Museo-taller o día 14.

Preto de 30 anos leva a Olería do Batán coas portas pechadas, desde que morrera o seu propietario, Manuel Carrera. Agora, a súa viúva a os seus fillos asumen a aventura de abrila e ensinar á xente a traballar o barro.

Durante moitos séculos os oleiros de Tioira, no concello de Maceda, tiñan sona polo seu exquisito traballo. Dúceas de fornos ocupaban a familias enteiras desta parroquia na elaboración dun producto que tiña sona a nivel nacional, como xa se recollía no catastro do Marqués de la Ensenada, elaborado a mediados do século XVIII. A aldea do Batán non era unha excepción, onde a olería de Manuel Carrera foi a referencia durante boa parte do século pasado.

Manuel morreu hai 30 anos e desde entón as portas do taller estiveron pechadas e agora a súa viuva e os seus fillos, con Xosé Manuel á fronte, recuperáronno, co obxectivo da dar a coñecer a ensinar este oficio a quen poida estar interesado. "O meu pai comezou a traballar na olería de solteiro, a mediados do século pasado", conta Xosé Manuel. "Cando se casou, emigrou a Francia, á cerámica de Vallauris, na Costa Azul, onde chegou a coñecer a Pablo Picasso, e voltou ó Batán haberá uns 50 anos, para reabrir a olería". O padre Silva convenceuno pouco despois para ir á alfarería de Benposta, onde estivo sete anos e na que chegaron a traballar cinco persoas e ó remate desta etapa volveu a Olería do Batán, o último taller de Maceda e na que estivo ata a súa morte, hai trinta anos.

No taller de Manuel fixéronse todo tipo de pezas, desde olas a canabarros, queimadas, pucheiros, botixos e incluso pezas de decoración por encargo dunha tenda madrileña."Sabemos que hoxe hai alguna ola feita polo noso pai no Museo de Madrid e cremos que procede desa tenda madrileña. Do forno do batán tamén saíron centos de cuncas e xarras gravadas para a Festa do Pulpo do Carballiño. Nos anos  70 do século pasado, un canabarro (ola para o viño) feito por Manuel Carrera gañou un premio convocado polo Museo de Pontevedra.

Logo de décadas de silencio, os seus fillos recuperaron totalmente as instalacións. "Queremos facer un pequeno museo e un espazo no que a xente poida aprender a traballar o barro", explica Xosé Manuel. Recuperaron o maceiro de mazar o barro e rehabilitaron  a maquinaria, como unha vella amasadora, a mesa para traballar e catro rodas, dúas de pé e outras dúas eléctricas. A maiores, terán en exposición varias pezas feitas no seu día polo propio Manuel Carrera e outras elaboradas por artesáns da zona.

O que define á oleiría do Batán, e de Tioira en xeral, é a súa finura. "É un barro moi fino", explica Xosé Manuel Carrera, "duns tres milímetros de grosor, o que permitía facer unha cerámica moi delgada, que combinaba a resistencia coa lixeireza, unhas características ás que non se adaptan outros barros".

As portas da Olería do Batán volverán abrirse o vindeiro venres, día 14, a partir das 17,30 horas. "Estamos todos moi ilusionados", afirma con emoción Xosé Manuel, "polo que significa, porque recuperamos unha forma de vida e o taller familiar, un traballo para o que non recibimos ningún tipo de axuda. Todos os custos que tivemos foron pagados pola miña nai", afirma satisfeito e orgulloso Xosé Manuel Carrera.

Te puede interesar