A poesía dá vida á XI edición do Festival de Xardíns de Allariz

Este sábado inauguráronse as 12 parcelas con creacións de paisaxistas internacionais e galegos

Allariz deu a benvida, malia as precipitacións que se rexistraron pola tarde, a un dos seus eventos máis senlleiros e recoñecidos: a XI edición do Festival Internacional de Xardíns. Un evento que, cada ano, atrae a preto de 37.000 persoas e que neste 2021 -ata o mes de outubro será visitable- sumerxirá aos seus visitantes no mundo da poesía e da reflexión. 

A xornada inaugural contou con catro "invitados" de excepción: Giacomo da Lentini, Rosalía de Castro, Emily Dickinson e Fernando Pessoa e, ao longo das 12 parcelas e 40.000 metros cadrados do Festival, os primeiros visitantes puideron mergullarse nas verbas doutros escritores como Federico García Lorca ou Antonio Machado. Tamén reflexionar, por outra banda, sobre que pasará se non coidamos o planeta. Neste último caso, a proposta dos madrileños Alfredo Lamberti e Verónica González "Un xardín futurista" advirte sobre a amenaza á que está sometida o medioambiente. 

A rexedora de Allariz, Cristina Cid, e o director do festival, Francisco García -da man doutros membros da Corporación local, técnicos do Concello de Allariz e os paisaxistas galegos que formaron parte desta nova entrega- participaron na inaguración. 

A alcaldesa nacionalista aproveitou a ocasión para poñer en valor a Rosalía de Castro, protagonista na primeira parcela con "O camiño cara á emigración de Rosalía". Cid adiantou que "este xardín nos vai a permitir que, ao longo desta edición, podamos facer actividades e accións relacionadas coa nosa gran poetisa. É necesario reivindicala e recordala todos os días do ano porque calquera país que ten unha poetisa do nivel e do calibre de Rosalía de Castro ten que facer todas as accións necesarias para que se coñeza a súa a obra". 

Pola súa banda, Francisco García precisou que cada xardín plasma a atmósfera de cada poeta e que, nas xornadas previas á conmemoración do Día das Letras Galegas, "esta tamén é una forma de achegarnos á cultura doutros países. As propostas son moi diversas". Do mesmo xeito, o tamén exrexedor alaricano apuntou ao Festival de Xardíns como "a bandeira e a locomotora que nos serve de exemplo da calidade de vida que ten Allariz". 

Participación do comercio

A concelleira de Promoción Económica do Concello de Allariz, María López, explicou que, nesta nova edición, tratarase de involucrar aos distintos sectores económicos da vila co obxectivo de que "se respire poesía e de que todas as persoas que pasen por Allariz saiban que aquí temos un Festival de Xardíns e que poden visitalo". Neste senso, varios establecementos comerciais da vila adornaron con flores e plantas as súas fachadas principais e os seus escaparates. "Tamén faremos unha acción en hostalería que consistirá en que os locais proporcionen azucariños co logo do festival e un poema composto por un poeta de aquí, Carlos Da Aira", adiantou a concelleira de Promoción Económica e Turismo. 

Entre as novidades deste ano, destaca a implantación dun sistema QR para que os visitantes poidan emitir os seus votos co obxectivo de escoller a parcela gañadora -quedarán fóra a proposta gañadora da última edición, "Sé o heroe da túa propia película"; e a elaborada polos alumnos do colexio e instituto de Allariz, que nesta ocasión fixeron unha homenaxe a Xela Arias-. 

As persoas que se acheguen a Allariz poderán visitar o recinto de luns a venres das 17,00 horas ás 21,00 horas; e sábados, domingos e festivos, de 11,30 horas a 14,00 horas e de 17,00 horas a 21,00horas. Este horario manterase ata o 14 de xuño, momento no que sufrirá unha ampliación -de luns a domingo abrirá mañá e tarde-.

Te puede interesar