Presentado o fondo documental da Fundación Vicente Risco de Allariz

O director xeral de Cultura aproveitou a súa visita a Allariz para destacar o labor que ten feito a fundación -que conta cunha achega anual de 10.000 euros por parte da Xunta- a prol da Cultura

Os responsables da Fundación Vicente Risco de Allariz quixeron dar a coñecer os fondos documentais e bibliográficos dos autores Vicente e Antón Risco, así como a súa posta a disposición da comunidade científica e académica, nun acto que se celebrou este sábado a primeira hora. 

Do proceso de dixitalización e catalogación formou parte a Xunta de Galicia a través da área da que se encarga a Consellería de Cultura e, por iste motivo, Anxo M. Lorenzo, director xeral; participou na mañá de onte na presentación deste traballo nun evento no que tamén interviu a presidenta da Fundación, Celia Pereira, acompañada de membros do Padroado. O Goberno galego aportou para dito trámite unha achega de 78.000 euros. 

O responsable do departamento de Cultura da Xunta subliñou a “importancia da recuperación destes fondos” entre os que se poden atopar manuscritos, correspondencia, fotografías e documentación familiar, entre outros, que pertencían a Vicente e Antón Risco. Nesta liña, Anxo M. Lorenzo destacou tamén “o complexo proceso de catalogación e dixitalización, tanto pola variedade de fondos como polo seu estado de conservación” . A maior parte dos documentos dixitalizados e catalogados proceden de Canadá, onde residiu Antón Risco, e outros datan da Idade Media. 

TRABALLO DA FUNDACIÓN

O director xeral de Cultura aproveitou a súa visita a Allariz para destacar o labor que ten feito a fundación -que conta cunha achega anual de 10.000 euros por parte da Xunta- a prol da Cultura, en xeral, e para actualizar un almacén onde se poidan consultar todos os documentos categorizados e dixitalizados con calidade suficiente para o seu estudo, en particular.

Te puede interesar