ALLARIZ

Os quebracabezas seguen de moda entre os cativos

A Fundación Vicente Risco organizou o primeiro certame de "puzzles" en galego

Parellas de amigos e familias con nenos déronse cita onte en Allariz para participar no "I Campeonato de Quebracabezas en galego" organizado no marco da programación das Letras Galegas pola Fundación Vicente Risco.Un mapa de Galicia cos seus monumentos e riquezas paisaxísticas foi a peza escollida para unha competición "pioneira no país", subliñou Carlos Airas, coordinador e impulsor do certame, que explicou que "os quebracabezas gustan moito, a nivel estatal estanse a dar bastantes campionatos, así que optamos por organizar unha primeira edición a ver que tal respondía a xente".

Satisfeito polo resultado desta primeira edición, Airas pensa xa nas futuras e como aproveitar as posibilidades que da o sector para "imprimir quebracabezas coa figura de Risco ou algún gravado en dous modalidades, para infantil de 100 pezas e despois outra maior para adultos". E é que as 350 pezas do mapa galego se fixeron demasiado grandes para os máis pequenos como Adelis, de sete anos. "Empezou con moitas ganas, pero xa se lle fai moi longo", recoñecía o seu pai, Jesús Valdez, despois de hora e media de competición.

Os primeiros en rematar, tras 45 minutos, foron os mozos do equipo capitaneado por Adrián Costa. "Baixo presión non se traballa ben, os puzzles son para facelos tranquilos e relaxados", comentaba sen levantar a vista do taboleiro Leonida Emaelok que, co seu fillo Maelok de 15 anos, trataba de apurar as últimas pezas do mapa.

A iniciativa gustou aos participantes, que onte mesmo xa falaban de onde colgar a nova peza que adorna os fogares de moitos aficionados, e tamén aos curiosos que se achegaron ata a praza de abastos. "Ben montado, un certamen destas características pode ser un recurso turístico, un atractivo máis para visitar Allariz", concluía Airas.

Te puede interesar