Romasanta, home lobo, reaparece esta fin de semana na vila de Allariz

A Fundación Vicente Risco organiza para o vindeiro fin de semana unhas xornadas sobre Manuel Blanco Romasanta, protagonista do caso de licantropía máis famoso dos documentados na historia de Galicia e que foi obxecto de numerosos estudos científicos, publicacións e mesmo inmortalizado no cine. En Allariz, o mesmo escenario no que foi xulgado en primeira instancia por matar e comer xente convertido en lobo, farase un estudo durante tres días dende diferentes perspectivas sobre este peculiar caso.
O programa inaugurarase o sábado 29 as 19,00 horas cun recital a cargo de Pancho Álvarez, seguido da apertura dunha exposición que, entre outros documentos e publicacións, mostra os 2.000 folios do sumario do caso, gardado no Arquivo Histórico de Galicia. Xa o domingo terá lugar a proxección dun filme sobre este personaxe e un coloquio. Pero, sen dúbida, o colofón chegará o luns 31 cunha recreación do xuízo de Romasanta no que participan preto de 30 veciños alaricanos.
Na presentación, onte no Centro Cultural da Deputación, o presidente da Fundación Vicente Risco, Luis Martínez Risco, destacou que a importancia do caso Romasanta 'foi máis aló do mero suceso, pois Vicente Risco en 1929 pronunciou, no acto de ingreso na Academia Galega, un discurso sobre a licantropía'.
Pola súa banda, o coordinador das xornadas, Antonio Blanco, destacou o duro traballo realizado durante oito meses, un labor que tería sido imposible sen a colaboración dos veciños e que deu como resultado un proxecto con valor científico, social, identitario e económico. O alcalde de Allariz, Francisco García, reiterou este mesmo agradecemento e o seu desexo de continuidade destas xornadas.

Te puede interesar