Rosalía conquistou ao público do XI Festival de Xardíns de Allariz

1.-O-CAMINO-CARA-A-EMIGRACION-DE-ROSALIA (1)
photo_camera Imaxe de “O camiño cara a emigración de Rosalía”, que procuraba transmitir o que sentira a escritora.
A proposta sobre a emigración concentrou o 40,74 por cento dos votos

A décimo primeira edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz, adicada á poesía, puxo o seu punto e final proclamando a proposta vencedora: “O camiño cara a emigración de Rosalía”, unha creación gráfica e sonora, que foi deseñada por Sara del Río, Johnatan Carreira e Ana Barxa. Unha elevada porcentaxe dos votos -40,74 por cento- respaldou unha obra galega  que,  debido, precisamente, ao apoio do público, permanecerá no recinto do festival alaricano un ano máis. 

O segundo lugar do podio, co 13,27 por cento dos votos, ocúpao o xardín “A poesía das cousas” dos italoalemáns Equipo Alm_a, integrado por Anna Richter, Lioba Dörfel e Moritz Greiner. E, por último, o terceiro posto, cunha porcentaxe de apoio do 10,07 por cento, é para  ”Un xardín futurista” dos madrileños Equipo Misture -Alfredo  Lamberti e Verónica González-. Unha proposta que invitaba a reflexionar aos asistentes sobre o futuro do hábitat natural se, dende os organismos pertinentes e a propia acción humana, non se toman cartas neste asunto. 

BALANCE

Despois de pechar oficialmente a edición de 2021, a rexedora local, Cristina Cid, quixo facer balance desta última entrega. En palabras da alcaldesa foi “unha edición moi valorada polo público e con moita actividade ao seu redor”. Dende o Consistorio alaricano aseguran que o ser Festival Internacional de Xardíns avanzou para converterse “nun referente para o mundo da empresa do paisaxismo”. Neste senso e segundo datos aportados pola administración local, “estímase que visitaron o festival ao redor de 35.000 persoas que deixaron uns ingresos de máis de 33.000 euros. Ademais de ser un dos principais atractivos turísticos da localidade, este festival é un motor económico de referencia para o sector”. 

Dende Allariz traballan xa na edición número 12 deste evento baixo o lema ”Xardíns  terapéuticos, deseños que curan”. Pódese participar ata o 30 de novembro.

Te puede interesar