O Sábado longo regresa a Xunqueira de Espadanedo

Dende as 01,00 horas do domingo terá lugar o Sábado longo coa traída dos carros. Haberá chocolate e bica. 

Xunqueira de Espadanedo cumprirá coa tradición mediante a celebración do Sábado longo, unha festa de interese etnográfico e orixes ancestrais que sucede na noite do Sábado Santo ao Domingo de Resurrección.

Trátase dun evento que ten semellanzas con outras festas que tiñan lugar no Sábado de Paixón tanto no Concello de Xunqueira coma noutros puntos de Galicia co galo de festexar o remate do tempo de Coresma. A súa particularidade radica en iniciativas como a traída dos carros,  engalanados para a ocasión con flores de tempada, que son achegados ao Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo por distintas persoas do pobo. Trátase dunha festa na que participa a meirande parte dos veciños do concello.  Tamén o propio Mosteiro prepararase para este evento. 

Os actos comezarán este sábado, día 8, a partir das 21,00 horas. Haberá unha cea popular animada por La Patrulla. O menú estará composto de cocido, bica, viño, pan e chupiños. Dende as 01,00 horas terá lugar o Sábado longo coa traída dos carros. Haberá chocolate e bica. 

O domingo, día 9, será a exposición dos carros ás 12,15 horas. Os Xuncos ofrecerán un concerto de música tradicional.

Xa é posible mercar as entradas para a cea na Tasquiña, no Mosteiro e no Muíño. Os nenos de menos de seis anos non pagarán entrada.

Te puede interesar