San Cristovo de Paderne de Allariz terá rede de abastecemento

undefined
photo_camera Gráfico do proxecto contemplado para San Cristovo.
O Consello da Xunta aprobou cofinanciar esta obra, que ascenderá aos 275.000 euros na súa totalidade

Un dos asuntos abordados no Consello da Xunta celebrado esta semana foi o respaldo económico ao proxecto para achegar a rede de abastecemento ao núcleo de San Cristovo, en Paderne de Allariz, lugar que actualmente non conta con este servizo -o único do concello- debido a que o depósito de cabeceira se atopa a unha cota inferior ao dito núcleo, polo que a poboación de San Cristovo abastécese na actualidade a través de acometidas particulares ou colectivas.

Para solventar esta situación, o Concello de Paderne e a Xunta de Galicia asinarán un convenio de colaboración por valor de 275.000 euros. Concretamente, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, cofinanciará a actuación nun 80 por cento coa achega de 220.000 euros e o Concello de Paderne de Allariz, pola súa banda, contribuirá ao financiamento do 20 por cento restante, destinando unha partida de 55.000 euros para dita finalidade. As actuacións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta de la Unión á pandemia da covid-19.

Dende a Xunta de Galicia explicaron que, unha vez autorizado o acordo, Augas de Galicia estará en disposición de licitar as obras, que terán un prazo de execución de cinco meses. O Concello de Paderne, pola súa banda, asumirá a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo. 

COMPLETAR O SERVIZO

A rede de abastecemento de Paderne de Allariz dá servizo a todos os núcleos a excepción de San Cristovo, sen embargo, as obras recollidas no convenio autorizado esta semana polo Goberno Autonómico completarán dito servizo coa execución dunha rede de abastecemento composta por: conexión con rede existente, bombeo, novo depósito, impulsión para levar as augas ata o novo depósito de subministración e unha rede en árbore para a súa distribución. 

Esta actuación específica permitirá dar servizo e mellorar a calidade da auga a unha poboación fixa de 62 habitantes.

Te puede interesar