Semana e media para completar o paso a Led en Allariz

IMG_8331_resultado
photo_camera Novos puntos lumínicos na rúa Oliveira de Allariz. (Foto: Paula Palomanes)
Recentemente renovouse o alumeado na rúa Oliveira da vila. 

Os traballos enmarcados na segunda fase de renovación do alumeado en Allariz -iniciados na segunda metade do mes de abril- atópanse xa moi avanzados tal e como precisou a edil responsable de Servizos Municipais da vila, Helena Estévez, quen adiantou que, no prazo dunha semana e media, agárdase que dita fase estea xa prácticamente completada. 

Concretamente, quedarán substituidos neste periodo un total de 1.000 puntos de luz -e 21 cadros- por tecnoloxía de tipo Led coa finalidade de reducir o consumo enerxético nun 50 por cento e grazas a unha subvención de 372.000 euros aportada polo Instituto para la Diversificación y el Ahorro de la Energía -IDAE- e a Deputación de Ourense.

Nesta nova fase da actuación, os técnicos están traballando -coa excepción do casco histórico- en diversas rúas do centro alaricano, así como en núcleos máis rurais -Gundiás ou Nanín-. Precisamente, esta semana foi a quenda para o cambio de luminarias na rúa Oliveira -onde se ubica o centro de saúde da vila-. Os traballos obrigaron a cortar o vial durante un periodo de tres horas, estando autorizado o paso para emerxencias. “Os traballos están moi avanzados. Os técnicos xa están traballando en rúas máis cortas e travesías”, explicou a titular de Servizos Municipais, Helena Estévez. “Nós agardamos que nunha semana e media o máis gordo estea  rematado. Podería quedar algún detalle menor, pero pequenas cousas”, engadiu a edil nacionalista. 

O Concello de Allariz, que continuará ao remate da presente cunha nova fase, primou nesta segunda aqueles puntos da vila que rexistraban un maior consumo enerxético.

Te puede interesar