“A Son de Risco”, unha fusión entre a radio e a literatura

FUNDACIÓN VICENTE RISCO ALLARIZ
photo_camera FUNDACIÓN VICENTE RISCO ALLARIZ
A Fundación Vicente Risco e o Laboratorio de Radio poñen en marcha “A Son de Risco”, unha iniciativa que ten como obxectivo fundamental achegar a figura de Vicente Risco aos centros educativos empregando a linguaxe radiofónica

Nesta fusión entre radio e literatura, o proxecto procura “potenciar a creatividade e a imaxinación para achegármonos a Risco, situármonos a son desta figura para explorar as súas múltiples facetas”, segundo explican dende a entidade organizadora. 

Alén da aproximación ao creador de obras referenciais como “O porco de pé”, “Do caso que lle aconteceu ao Dr. Alveiros” ou “O lobo da xente”, entre outras, a actividade ten como eixos incentivar a creación de diversos contidos radiofónicos relacionados co autor; coñecer novas formas de expresión e fomentar o traballo colaborativo; traballar a expresión escrita e oral en lingua galega e fomentar o seu uso entre o alumnado.

Por tanto, a través da linguaxe radiofónica, ofreceranse distintos eidos creativos e sonoros para traballar arredor da figura de Risco e gozar aprendendo. Unha viaxe sonora, a través de obradoiros de radio, que dá comezo mañá no CPI Virxe da Saleta (O Cole de Cea) e que irá sumando novos centros ao longo deste curso escolar.

A Fundación Vicente Risco custodia e difunde o legado de Vicente Risco e o seu fillo Antón Risco, alén de realizar actividades de índole diversa ao longo do ano para promover a cultura e a lingua galegas na idea de continuar a obra de quen lle dá nome. Con este fin realiza actividades como a música, a poesía, as artes plásticas ou a literatura.

Te puede interesar