Xosé María Gómez Clemente: “O refraneiro hai que gardalo coma ouro en pano, é a nosa cultura”

202110_MA211001_3050_resultado
photo_camera Xosé María Gómez Clemente na presentación de Allariz. (Miguel Ángel)
O libro A colección fraseolóxica de Vicente Risco é unha publicación que recolle o seu material fraseolóxico: refráns, locucións e fórmulas que o escritor foi compilando ao longo do tempo e que estaba depositado na sede da  fundación que leva o seu nome. Dito material atopárase na propia casa de Risco, en Ourense, e, nun momento determinado, decidiuse editalo. O filólogo ourensán Xosé María Gómez Clemente encargouse deste proxecto que acaba de ser presentado en Allariz. 
 

En que consiste esta publicación?
É un material fraseolóxico bastante rico, son máis de 2.000 unidades. Eu o que fixen foi lelas no manuscrito, editalas e clasificalas. 

Por que é interesante?

Primeiro porque recolle un labor que non estaba moi salientado na obra de Risco, é dicir, a súa faceta de paremiólogo e fraseólogo e o seu interese por este tipo de unidades lingüísticas, que son parte da cultura popular. 

Como recolleu Vicente Risco todas estas unidades?

Pois foinas recollendo dende a metade dos anos 30, ata finais dos 50, de varias maneiras: mediante formantes, as persoas que as ían dicindo; ou dando continuidade a materiais xa existentes. Por exemplo, empregou moito material  e refráns que Saco e Arce compilou na súa gramática no século XIX. El foi recollendo todo eso penso que coa intención de publicar un refraneiro galego. Risco foi etnógrafo e tiña este interese especial na cultura popular. Fixo un traballo moi importante, que estaba agochado, e que con esta publicación pretendemos amosar. 

Onde se atoparon os manuscritos orixinais?

Estaban na casa de Risco, en Ourense, e, cando a baleiraron, atopáronos nunhas bolsas. Foron levados á fundación en Allariz, onde se fixeron fotografías e unha base de datos. Traballei sobre esta documentación. 

Este libro pon de manifesto tamén o arraigo deste tipo de pezas lingüísticas en Galicia?

Claro, a fraseoloxía está viva. Do mesmo xeito que fixo Vicente Risco no seu día, a recollida da fraseoloxía é un labor que se está facendo hoxe mesmo. 

O libro trata temas ou algunha cuestión en concreto?

O refraneiro recolle todo: relacións entre persoas e temas vencellados á agricultura, ao viño e a outros cultivos. Tamén trata outras cuestións como Deus ou a morte. Moitas veces dunha maneira ideolóxica, porque o refraneiro xeral tamén serve para controlar á xente, para dar pautas de conducta ou criticar o poder. Pero tamén dá outras pautas acertadas, por exemplo, eso de “en xaneiro planta o teu alleiro”. 

Os refráns están máis vivos que nunca, ou en risco de desaparición?

Hai risco de que se perda, sobre todo, o refraneiro, non tanto outras unidades. Este reflicte unha cultura material rural que se mantén, pero cambiada. As cousas cambiaron e, por iso, moitas veces o refrán non ten aplicación práctica. A situación sociolingüística do galego tampouco axuda ao coñecemento dos refráns. 

É importante loitar pola supervivencia do refraneiro?

É parte da nosa cultura. Hai que mantelo, ensinalo, difundilo ou gardalo como oro en pano. É certo que non todos os refráns, e non falo so dos galegos, envelleceron do mellor xeito, sobre todo, algúns sobre as mulleres.

Te puede interesar