Cara a cara | Sandra Quintas e José Luis Álvarez, o futuro de Bande, no sector primario e no turismo

Dous son os partidos políticos que optan as eleccións municipais en Bande. A popular Sandra Quintas, actual alcaldesa tras asumir o bastón de mando tras a marcha no 2020 de José Antonio Armada e José Luis Álvarez, portavoz socialista na Corporación. O PP ten hoxe seis edís e o PSdeG, tres.

Tres preguntas

  1. Como valoraría estes catro anos do Goberno municipal?
  2. Cales son as necesidades que presenta o concello?
  3. Cales son os obxectivos a partir do 28M?

As respostas de Sandra Quintas (PP)

Sandra Quintas
Sandra Quintas

1. Afronto estas eleccións con moitos nervios. Aínda que levo tres anos como alcaldesa, son as primeiras as que opto a ser elixida como tal. A ver si os veciños creen que estiven á altura. Non me presento cunha folla en branco, senón co aval feito nestes anos. Grandes obras e grandes avances para Bande. Se conseguiu un gran avance en materia termal coa declaración mineiro-medicinal das augas e xa temos os terreos e o proxecto do que queremos para Os Baños, transformamos a travesía cun cambio de imaxe que tamén aplicamos en outros espazos e edificios públicos como a biblioteca ou as piscinas. Tamén se fixeron melloras nos pobos, tanto a nivel patrimonial como de servizos básicos.

2. Somos un gran concello, temos todos os servizos básicos e imos a seguir traballando para conservalos e melloralos, pero temos que darlles visibilidade. É clave que a xente saiba o que temos para fixar poboación. Tamén o é ter un emprego. A economía é o que o move todo. No rural non imos ter unha gran empresa, temos que apostar pola terra e polo turismo. Temos un gran patrimonio e temos que empezar a crer nas nosas posibilidades como destino turístico. Coa chegada do AVE vemos que os turistas se multiplicaron, pero os cartos os gastan nos concellos limítrofes. Está ben porque somos comarca, pero nós temos que aproveitalos tamén. Hai que desenvolver máis o sector servizos, máis aloxamentos e máis restauración. Dende o Concello estamos traballando para mellorar a oferta, abriremos a escola do baño como aloxamento rural e tamén en Santa Comba, pero ten que implicarse a iniciativa privada.

3. Apostaremos pola creación da base antiincendios e pola recuperación da rectoral de Santa Comba, a pesar dos atrancos é un proxecto que está aí, que conta co orzamento necesario neste 2023 para a súa execución. Investiremos na nosa xente, nas familias  e nas persoas maiores. Temos en mente poder facer algo na coñecida como Casa da Mariluz, seguir apostando polas actividades de conciliación porque as familias do rural tamén necesitan conciliar. A nivel municipal, centraremos os nosos esforzos no desenvolvemento do centro termal.

As respostas de José Luis Álvarez (PSOE)

José Luis Álvarez.
José Luis Álvarez.

1. A nivel de oposición bastante positiva, demos bastante leña e fixemos bastantes propostas, aínda que a maioría delas non as aceptaron porque a política deles e de “reformas e contrareformas”, non é crear traballo. A situación do municipio é de total decadencia, os negocios todos pechados, o censo do concello está baixando. Este ano perdemos 27 habitantes, estamos en 1.400 e pico. Cando Lobeira ganou 7 veciños e Verea 30. Isto é total decadencia, non se da servizo aos pobos, os negocios están pechando, non se fai nada polo pobo.

2. Non temos explotación de augas termais. Non temos parque empresarial. A autovía que estaba proxectada co PSOE ata a Madalena (fronteira portuguesa) déuselle para abaixo por facer cousas como a travesía, que está como está, cos remates mal feitos e cos camións pasando polo centro do pobo. Tiñan que facer, como mínimo, unha circunvalación. E así con moitas cousas. As augas non están tratadas e a depuración das augas residuais é un fracaso total. En Bande non temos depuradora. A rectoral de Santa Comba, o proxecto do PP e coa alcaldesa en Patrimonio, está paralizada e a empresa construtora marchou deixando a estrutura tapada con plásticos. Por non falar do timo do equipo de fútbol e do que ocorreu co tema da biomasa no alto do Vieiro. En Bande está instaurada a política caciquil, familiar.

3. O que necesita Bande é crear traballo e aumentar a poboación. Levamos no noso programa a creación de 300 postos de traballo, e un aumento de poboación de 600 persoas máis para intentar ir recuperando pouco a pouco a xente que vivía aquí. Para acadalo propomos a creación do parque empresarial e a recuperación de granxas abandonadas e de paso arranxar as casas para a xente no rural. Temos pensado facer dende o Concello un centro de envasado e extracción de mel, crear unha marca de calidade no concello, poñer en marcha un servizo de transporte gratuíto para a xente do rural. O noso plan para as termas e crear unha cooperativa termal, recuperar a escola do Baño para dar servizo a zona termal e crear un circuíto turístico dende Santa Comba ata o pobo das Maus pola calzada romana e as termas.

Te puede interesar