agresivos e cobardes por natureza

Nos seus inicios, o ser humano cazaba para alimentarse. Cando abandonou a vida nómade e se fixo adepto ao cada-vez-máis-desexado sedentarismo, converteuse en preeiro; posto que deixou atrás o hábito de cazar o seu alimento. Chegados a este punto, a especie deduciu que, xa que non era preciso facer dano aos animais para subsistir, faríao simplemente por pracer, deporte ou celebración. Desta maneira, na actualidade, podemos presenciar feitos como o de somerxer en auga fervendo a un crustáceo aínda vivo ou cravar banderillas, incendiar a cornamenta e outras aberracións varias a un bovino.
A principal idea que suxiren estes costumes é que hai animais de primeira clase e outros que pertencen ao populacho, porque o porco non pode sangrarse para que non sufra pero o marisco conxélase vivo para que estea máis 'fresco', e alguén imaxina asar un polo antes de sacrificalo? Serías considerado un energúmeno, no mellor dos casos; ou pagarías unha boa multa se fortuna non che sorrí.

Isto no que a gustos culinarios se refire, porque despois hai quen decide maltratar un toro e chamarlle festa nacional, enténdase por 'nacional': propio de menos da metade da poboación (e sintámonos ditosos por isto). E que fan os Gobernos? Promulgar leis que amparan estes crimes, sufragar o gasto sanitario dos feridos, colaborar na recadación de fondos para celebrar as festas… Todo sexa pola 'tradición'! Se ben é certo que hai persoas que opinan que os participantes en tales monstruosidades demostran gran afouteza e denodo ao desenvolver a súa labor, eu pregúntome por qué estes heroes non prescinden de cravar banderillas que producen a lenta perda de sangue das súas vítimas, ou por qué o animal elixido para representar o espectáculo non é a femia en vez do macho, a cal non pecha os ollos antes de comezar a súa tola carreira cara un obxectivo fixado ab initio. En canto aos que acoden a tales eventos, o único que se pode dicir deles é que son coma o vulgo que asistía entusiasmado aos espectáculos circenses na época do Imperio Romano.

En conclusión, o ser humano, agresivo e covarde por natureza, busca xustificación a actos deplorables para poder canalizar a súa ira a través de feitos socialmente aceptables, tal e como dixo Freud; e o resto do reino animal vese obrigado a pagar por elo.

Te puede interesar
Más en Cartas al director