UN BARQUENSE NA HABANA O 20 DE DECEMBRO DE 1907

Xesús Merayo Otero  non necesitaba emigrar por razóns económicas.
Era sobriño do industrial e alcalde do Barco, José Otero. Tampouco necesitaban emigrar os irmans da miña nai, fillos de notario. E outros máis que, sin saber por qué, sentiron a 'chamada de América' e alá foron co corpo, deixando en Galicia a súa alma. E, xa pasado 'o charco', sentiron a necesidade de achegarse a outros que foran  antes e formaron sociedades e agrupacións de galegos para manter vivo o esprito da terra nai. Contábame o bon de Xesús Merayo  que fora convocado o día 20 de decembro do 1907 no Gran Teatro da Habana, para asistir a un concerto coral. Achegábanse as festividades de Nadal e o escoitar cancións galegas era mais emotivo que escoitar panxoliñas, que tamen o eran. E alá foi, e o teatro atopábase cheo de galegos coas millores galas e a morriña a frol de pel. Xa no remate do acto, alguén mandou poñerse en pé e coa man dereita  no peito, escoitaron por vez primeira o Himno Galego que compuxera Pascual Veiga con parte da letra do poema 'Os Pinos', de Eduardo Pondal.

 Para que o noso himno non se esqueza, o Instituto de Estudios Valdeorreses editou 2.000 exemplares da letra completa do  himno, en formato pequeno e plastificado, que  distribuirá a partires do Día das Letras Galegas polas rúas do Barco e na súa sede en Viloira. E dende agora, o Instituto de Estudios Valdeorreses  rematará os seus actos culturais cantando este himno que uniu a emigrantes  exilados  dentro e fora de Galicia.

Honra para Pondal, para todos os que a Academia adicou o Día das Letras Galegas, e para o noso poeta Florencio Delgado, a quen ben seguro que cherará o día.

Te puede interesar
Más en Cartas al director