ÁS BARRICADAS!

No meu instituto expedientamos a unha profesora.
Houbo que facelo. Elizabeth Jones (Elizabeth Browning, de solteira) é profesora de inglés, vén de Houston (USA), e non se lle ocorreu mellor idea que presentarse no centro co apelido do seu home (disque en USA as mulleres cando casan perden o seu apelido e adoptan o do seu marido).… Ah, non! Aquí non estamos dispostos a consentir eses atropelos aos dereitos humanos que degradan á muller e fan dela obxecto de submisión cara ao seu home. Fixémolo polo seu ben. Ela cre que 'o seu' non é submisión, non se sente asoballada; di que é o costume nos EE.UU. (en todos eles!), e que as mulleres alí están afeitas porque sempre se fixo así.

Pobriña! A perder a súa identidade como persoa ela chámalle costume.… É que a ignorancia non ten límites (e nós, ao rescate). Logo pensamos que tamén puidera ser que, como vén dun país (imper...) influente, quixese impor a súa cultura por enriba da nosa. E nós non consentimos nin unha cousa nin a outra. A ver si van crer que ao viren do seu país poden facer aquí o que lles pete! Quen se cren que son? (logo viría outra que querería 'funcionar' co seu nome de pila, outro que co seu segundo apelido, aquela que co primeiro, aqueloutro co segundo máis o primeiro… unha casa de tolos! Xa modificamos o regulamento de réxime interno do centro, e deixámolo moi clariño: aos profesores, polo seu primeiro apelido; ás profesoras, polo seu nome de pila. E aos alumnos e alumnas… 'ti').

Dixémoslle: mira, sentímolo moito pero aquí as mulleres logo de casadas conservan os seus apelidos. Os dous! Non podemos consentir que veñas ti, pases polo forro os nosos costumes, e queiras impor a túa cultura. 'What?'. Houbo que explicarlle que era ela a que estaba equivocada e que, evidentemente, eramos nós os que tiñamos a chave da verdade (e un embigo moi ben feitiño). 'Why?' -preguntounos-.Porque somos unha sociedade ci-vi-li-za-da. E porque aquí é así. Punto. Ou acatas os nosos costumes ou marchas por onde viñeches.

Non acatou. Botámola. Ah! Tamén temos aberto un expediente a un profesor que cremos que fuma na súa casa (hai quen o viu fumando nun descampado).

Te puede interesar
Más en Cartas al director