os cartos para a ensinanza

Hai uns días recibín unha carta do Conselleiro no que se me facía louvanza polo meu esforzo na miña tarefa académica e se me pedía poñer algo máis da miña parte para superar esta fenda que abriu a crise na nosa Terra. A verdade que xa me parecía que fixera dabondo durante toda a miña traxectoria, e máis aínda pensando en que reduciran o soldo, as pagas extras, pero se iso ía beneficiar aos meus veciños en paro, pois a calar. Fun polo cole para recoller os libros que me faltaban para preparar o vindeiro curso e o director contoume unha película, ao que non me quedou máis que respostar:
-ESTARÁS DE BROMA?, -DIXEN EU-.

-Pois non, -dixo él-. Van xuntar os cuartos.

-Pero si hai dous diagnósticos de hiperactividade, un déficit de atención e os dous con discapacidade física e psíquica por riba do 50%.

-E que, iso non conta e máis si son repetidores. Están dentro da lei ata o 10% máis do límite que son 25, así que aínda poden meter medio máis en cada curso.

-Haberá que avisar para que non se matricule ningún a maiores, eu non soportaría ver polos corredores a medio alumno para A e medio para B.

Hei de confesar que ao principio sentinme aldraxada, pero deseguida reflexionei e xustifiquei toda esta empresa. A verdade que si nós non facemos un esforzo coma este, de onde van sacar os cartos necesarios para poder subvencionar tantos centros privados como o Miraflores, ou Guillelme Brown da capital, eses que darán aos futuros dirixentes de empresas, bancos, presidentes, conselleiros... Habemos arrimar o ombreiro para non quedar atrás, porque ninguén pensaría que dun centro como o noso pode saír xente tan eficaz, pero se nos pasamos o curso ensinando valores de cooperativismo, compañeirismo, integración, xenerosidade…estamos a crear alumnos con perfís ben claros, os que os posibilitarán para engrosar as filas do voluntariado, o proletariado, certos escalafóns do funcionariado…en fin todos os acabados en ado como encadeado.

Quedou ben claro que é preciso facer un esforzo conxunto. O que non me está claro é o do tempo, tantos labregos a queixarse da seca, e logo de onde sairá esta chuvia miúda que está a enchoupar a uns si e a outros non? Ha escampar oh, ha escampar. Feliz verán! Durmamos o soño dos xentís.

Te puede interesar
Más en Cartas al director