Casares, un apelido con avoengo

'Casares' é un apelido de orixe vasca, que en romance vén ser coma se dixéramos un sotobosque, breña ou cousa parecida. A Casa Solar dos 'Casares' seica tivo o seu berce no lar de Alza, desto xa medraron os carballos, claro; agora Alza é un barrio de Donostia dotado co Centro Cultural Casares, en honor a esta familia de avoengo. Disque unha liña destes Casares foi parar a Cantabria, arraigando longos anos na aldea de Toranzo: ao parecer, desta rama montañesa procedemos os Casares de Parada de Sil. A ver como cho explico, sen enredarme nas numerosas pólas desta árbore xenealóxica.
Francisco Casares figura como tallista-escultor no censo de Ensenada de 1756. Certo. E disque partira de Cantabria cara Parada de Sil co gallo de cubrir a ábsida do Mosteiro de Santa Cristina cun retablo barroco, ao gusto da época, e que tivera casa e lareira en Fondodevila, onde arraigara ao carón do Sil. De Francisco Casares, o noso devanceiro artista, descendemos tódolos Casares de Parada de Sil: José Casares, o xastre, que deixa aos veciños feitos un pincel; a súa sobriña, a panadeira, que elabora as mellores bicas da contorna; na ribeira, os da Casa de Viana, e mais outros. (O retablo devandito pódese ollar na igrexa de Sacardebois, grazas ao empeño e bo facer na súa restauración levada a cabo por Helito do Sagrado, artesán e mais ebanista primoroso.)

Outra puntada no perfil dos Casares de Parada: Casimiro Casares, neto do escultor, foi concelleiro do Concello, cando daquela estaba nas maos dos liberais, con José Gómez de Páramo á cabeza. E resulta que o fillo de don Casimiro, Tomás Casares, médico el, veu na conveniencia de casar coa rapaza de don José Gómez de Páramo, a señorita Ramona Gómez Losada, filla vinculeira da Casa de Viana, así que deste xeito, o apelido Casares pasou a intitular a miña liñaxe.

E para rematar o desenrolo do devir da familia Casares, só falta engadir que os nosos antepasados víronse implicados na política e na guerra, servindo tanto por mar como por terra ao rei Alfonso VIII, xunto a quen loitaron na batalla de Las Navas de Tolosa, en 1212. Os anais da época falan de Don Juan e don Pedro Casares que formaban nas filas de Don Diego López de Haro, señor de Biscaia, segundo vén testemuñado no traballo manuscrito de Sebastián Lisazo, titulado: 'Nobiliario de los Palacios, Casas Solares y linajes nobles de la Muy Leal y Muy Noble provincia de Guipúzcoa'. Nobreza de alma que, con certeza, herdamos tódolos Casares do Concello de Parada de Sil.

Te puede interesar
Más en Cartas al director