Castañas con viño, meigas e freires

Aquí, en Parada de Sil, tiran ao lixo a memoria dos antepasados.
Bótanse en falta documentos gráficos e literarios que recollan o devir diario desta terra meiga, as folliñas que levou o tempo, que son os feitos da intrahistoria dunha cultura milenaria, que foi e que xa non é. En troques, certo que melloraron as estradas e, mesmo, as pistas baixan zigzagueando como cacho nun cribo á beira do encoro de Santo Estevo, a traída e saneamento da auga, apareceron as casas rurais, a pisa de castañas en Purdeus, as andainas polas carriozas, residencia de maiores 'Luces do Sil', as xornadas gastronómicas, o xacemento arqueolóxico de San Vitor, a pasarela que serpea á beira do río Mao, o albergue na antiga fábrica de luz, os restaurantes e mailos furanchos nas adegas, o catamarán asucando o río Sil, que non é pouco, certo.

Aínda que queda moito por facer, como dar a coñecer, e gardar para tempos vindeiros, a cultura integradora que valore o que é de noso, non só o mosteiro de Santa Cristina e mais a necrópole de San Vitor, tamén as formas de vida de antano: os costumes ancestrais, as lendas dos mouros, os feitizos menciñeiros das mulleres meigas e dos curandeiros, compoñedores de ósos; o valor engadido da natureza tanto da flora autóctona como da fauna, un regalo para os sentidos: o raposo, a bubela, pitorreis e xílgaros, a garduña, o gabián, os lagartos; os carballos, uces, acivros, morotes e estalotes; os ríos e mailos regatos coas fervenzas, onde se acicalaban as meigas no canle dos muíños vellos.

Unha terra encantada, a do noso concello, quizais lixeira, con certeza minifundista, pero abofé toda ela con lentura suficiente, non só para facer medrar as patacas nas cortiñas da montaña ou sacar o mellor viño de cepas vellas no cerengo de San Adrián: 'boon viño de Ourense' loa nas súas Cantigas de Santa María, o Rei Sabio, tal é tamén o noso patrimonio inmaterial, que de tal niño tal paxariño.

Disque estes lares á beira do Sil teñen un non sei que, quizais, un tesouro acochado dende os rituais dos druídas que recende un sentir máxico de arte e de poesía; unha terra con alma coroada de vivencias pasadas de onde abrollan doados contos e xorden misteriosas lendas maquinadas, unhas veces, polas meigas e mais outras polos mouros que moraron, dende os tempos de María Castaña, nas medorras e picoutos de acó e de acolá, nas dúas bandas do río Sil: ente Amandi e mailos Balcóns dos Mouros, o berce da Ribeira Sacra.

Te puede interesar
Más en Cartas al director