Cuíña, in memoriam

Aínda que non militei na VIGA, a xuvenil Vangarda Ideolóxica Galega anticuiñista, confeso que si defendín activamente o que, co tempo, se converteu nun tópico máis que nunha realidade: o cuiñismo sen Cuíña. E isto porque, deixando dun lado as lendas económicas, entendía que Pepe se trabucaba nas actitudes e, sobor de todo, nos seus compañeiros de viaxe, algo que o tempo se esforzou en amosar.
Mais, a pesares disto, teño que dicir que me quedei con catro cousas claras do que Cuíña me ensinou, sen se dar conta, e que hoxe levo no meu decálogo político particular. Unha é a importancia das imaxes, é dicir da comunicación non verbal, unha linguaxe que el usaba con perfección. Outra é que para estar ’nesta política’ compre ’almorzar tódolos días un sapo’, ó que eu engado, ’sen deixar que o sapo te almorce a tí’. Terceiro, que non cabe un partido de pedigrees e herdanzas, que calquera con traballo, ideas e tesón é quén de chegar. En derradeiro lugar, aquilo que me resulta máis valioso, o seu pensamento político que alguén debera recuperar e compendiar; eu estaba no camiño pero foise antes de facelo. Cuíña deixa un conxunto de ideas que con forman o corpus da única posibilidade de sermos o que realmente somos: unha dereita galeguista apegada á terra, que procura o progreso dos galegos partindo do orgullo pola nosa historia, a nosa xente e as nosas tradicións. Hoxe penso que isto é o que verdadeiramente lle debemos tanto os galegos coma Galicia, a súa ’Nai e Señora’. Chegou o tempo de que, dende a soidade do meu escritorio, lle ofreza a miña particular homenaxe: descanse vostede en paz, don Xosé Cuíña.

Te puede interesar
Más en Cartas al director