DECEPCIONADA COA UNIDADE DE DOAZÓN DE SANGUE

Son doante de sangue dende hai máis de dez anos e, aínda que non sempre podo respostar á chamada que periodicamente fan dende o Centro de Transfusión de Galicia, a semana pasada decidín ir doar, xa que levaba días lendo nos xornais que facía falta sangue de practicamente todos os grupos. Así que o venres 15 de xullo, ó acabar de traballar, fun á unidade móbil, que ese día estaba na Estación da Ponte.
Como non estaba segura do horario, non me estranou que unha das traballadoras me dixera que volvera pola tarde, xa que non me podían atender porque estaban recollendo -aínda que si me pareceu raro ver que as tres persoas que estaban no autobús estaban conversando e non parecía que recolleran nada-. Comenteille que á tarde non podía volver -tiña que traballar- e marchei para casa. Eran as 14.10 horas. Cal foi a miña sorpresa cando ó camiñar uns metros atopo un anuncio co horario da unidade móbil, que dicía claramente que ese día estaría na Estación ata as 14,30.

Do estupor pasei á indignación. Como é posible que se estea tentando mobilizar á xente para que doe sangue e despois se desbote a unha posible doante que chega 20 minutos antes da hora prevista para pechar?

Descoñezo se ese é o método habitual de traballo -a min, dende logo, é a primeira vez que me pasa- ou se foi unha mala atención puntual, pero episodios coma este non serven precisamente para animar á xente a facer un acto tan necesario e altruista como é doar sangue.

Te puede interesar
Más en Cartas al director