Diario dun outsider

Onte percorrín o meu camiño anual, unha pelegrinaxe periódica á Casa de Trasalba, ao retablo ourensán dos galeguistas. Sempre gustei de mergullarme no ar de Otero Pedrayo, sentimento, fidalguía e intelectualidade nunha mesma figura; o grande novelador o ensaísta da cultura galega, a nosa cultura única e diferenciada. Cultura que entendo como a potencia creadora dun pobo e como o acto expresado sicolóxicamente nas tradicións e materializado na lingua símbolo esencial e definitivo do feito diferencial galego.
Máis hoxe vexo preto perigo dun alonxamento cidadá dos seus caracteres diferenciais por mor dun progresismo mal entendido e peor avisado. Os que se din defensores das esencias patrias, fartos de reescribila historia, pretenden agora reinterpretalas nosas tradicións; un postureo electoral con base nunha política de igualdade que cada día ten máis pinta de artificialidade e arela de uniformización da sociedade. ’Toda-las cosuas d’iste mundo son asegún’, dicía Risco, e así, en Ourense, os Reis Magos xa non son tal, son raíñas. Se cadra tamén a matanza do porco se transforme, co tempo, nun espectáculo de ’rejoneo’ e pode que no Entroido xa non soterremos a sardiña senón que bauticemos un ollomol. E con moita sorte acadaremos que aproben no Parlamento galego unha lei que obrigue a corrixir o que se considera a maior inxustiza da natureza co sexo masculino, a súa incapacidade para xestar e parir. De seguro que si da votos, chegará.

Mentres tanto, saúde e terra.

Te puede interesar
Más en Cartas al director