ELVIRA CUEVILLAS NA LEMBRANZA

Vai para un mes que nos deixaches e coa chegada do calor e coa chegada da primavera, que por fin amosa os seus arrecendos, desde as augas que tí surcabas, e desde as areas que ti estrenabas polas mañás, cual gaivota madrugadora, velaí estas verbas Elvira, na túa lembranza.
Na cita anual do saber, en Pontevedra, nas Semanas de Filosofía, eu ficaba ano tras ano abraiada pola presencia inqueda dunha folerpa de neve, a túa cabeza rebulidoira, mostrando o seu acordo ou desacordo sempre matizaba as distintas ponencias. Do mesmo xeito que os xornalistas que sempre, coma tí decías, collían a túa imaxe entre o público, eu non te coñecía aínda directamente, mais para min eras xa unha referencia dese foro de debate e as túas intervencións, na procura da verdade, formaban parte deste encontro, para min e para a organizadora do evento, a directiva da aula Castelao, que xa o último ano che botou en falta.

Un mes de novembro íamos por cogumelos, e a nosa común amiga Rosa citounos en Poio, na Caeira, a carón do monumento a Alexandre Bóveda. Agardando coa túa coquetería innata, sobre un banco, estabas coma unha sedente estatua clásica de mármore vestida de blanco, alí nos coñecimos, e a partires de aí comezarían os nosos encontros.

Imaxínote buscando a beleza no teu novo camiño, gozando da música e da palabra. Seguiremos oíndo o teu discurso fino, irónico e intelixente, porque a túa voz non se apagará e a luz dos teus ollos brincadeiros seguirá sempre con nós, gozando da nosa Galiza.

ATA SEMPRE, ELVIRA, AMIGA.

Te puede interesar
Más en Cartas al director