a empatía do poder

O silencio é figura en música e puntúa na escritura, certo; de te illar do mundanal ruído, como dixo o poeta, poderías ouvir o sentir da natureza.
A xente importante, con creto de seu, sabe escoitar con empatía aos que más saben e adoita falar pouco: Buda leva un mangado de anos controlando a metade da humanidade sen falar ren; Deus falou unha vez, o Verbo fíxose home, mais daquela xa pasaron dous mil anos. Os oficiais do exército teñen as cantinas separadas da tropa co gallo de conservaren o halo da autoridade. Os xenerais non acoden ás cantinas: é a soidade dos mandos. O Goberno disque fala pouco de cómo se está amañando o rescate que virá no inverno a darnos unha aperta de oso, cos santos inocentes rezando no calendario; que don Mariano fala con palabras comedidas, certo, co gallo de non alborotar ao galiñeiro dos especuladores, e isto está moi ben. Pero, !ai! o que di hoxe, non comulga na misa de mañá, e isto, don Mariano, dóenos por dentro. Escoite, de saír ao estrado, coide que as súas palabras sexan mellores co silencio que reina na Moncloa, que o peixe morre pola boca, don Mariano mariñeiro, e non me veña axiña, ou máis tarde, que onde dixo digo, quixo dicir Diego. Así que o equipo da Moncloa vai perdendo seareiros polas reviravoltas do equipo técnico, facendo levedar unha morea de desvinculados das gradas do PP, os novos ateos, porque non se fían dos predicadores de falsas promesas, perdida a fe mariana, renegados antes da benquerenza e bo talante de ZP; manco o sistema, pois, de oficiantes con creto de seu, empoleirados cadaquén no seu púlpito ou na poltrona de cinco mil euros ao mes, disque ¡pasándoas canutas!, moucos ao murmurio do sentir dos cidadáns, fartos e cansos de axustes, de cortes e de recortes, pegados á crúa realidade de saberen o que vale un café, atrapados no 'corralito' das preferentes ou enganchados á hipoteca que non poden seguir pagando. Están a percorrer os tempos dunha longa seca, e xa non valen as rogativas sacando o santo de pau polos eidos, non albiscando no horizonte político unha nova estrela que tire do carro ibérico. O próximo voto vai para vostede, don Amancio Ortega, fundador do imperio Inditex. Mentres, mire por nós e que Deus llo pague. Parada de Sil, terra con lentura.

Te puede interesar
Más en Cartas al director