felipe de barxacova

'Hoxe espertei eufórico con ganiñas de chiscarlle un ollo a unha moza', dicíalle Felipe de Barxacova a tres turistas que subían cansos, tirando cara Sacardebois, un recuncho encantado do Concello de Parada de Sil.
Volvendo ao conto, a min gústanme as mulleres lucidas de peitos, alegres e simpáticas como aquela mestra que antano estivo por aquí. 'Carpe diem', dicíalle o crego cando a visitaba nas tardes dos sábados. Eu mirábaa de esguello, pero ela non reparaba en min. 'Bos días, señorita, quere unhas cereixas?', dicíalle ao pé da fonte, e contestábame cun sorriso, para axiña comezar a comer nelas, ao meu carón. Non souben engaiolala coa miña fala tan escura nin co meu corpo. Así que non houbo forma de casar a ningunha nun matrimonio. Espertei alegre, que me comía o mundo a bocados, como antes cos negocios dos barquillos, das castañas e das noces, así que saín ao balcón con ganas de botarlle un aturulo ao río Mao, mais, hai carallo! só che me saíu un berro mudo, cavernoso, coa carrasqueira dun vello coa gorxa queimada polos ducados e maila augardente. Xa andará vostede polos...? E logo, cantos me bota? Pois, non sei. Nacín polos anos vinte, así que bótelle a conta, aínda que a estas alturas os anos como xa non contan, tampouco se contan. Parada de Sil, o berce da Ribeira Sacra.

Te puede interesar
Más en Cartas al director