INDIGNADO coa polémica do transporte escolar

Oio con sorpresa as declaracións de Mercedes Gallego, delegada provincial de Educación, e non dou crédito de como se pode distorsionar a realidade e ata onde pode chegar a incompetencia.
Señora delegada, xestionar significa buscar solucións, non repartir miserias. O transporte escolar é competencia de Educación, e o problema destes tres centros xorde polo percorrido da liña que é excesivamente longo e o tempo en efectualo excesivo. Isto é o que xera o problema, non é nin Allariz nin Xunqueira de Ambía nin Baños de Molgas.

A solución e a proposta xa a ten escoitado, un autobús máis no percorrido de Allariz, custo: 1.100 euros. Dirá vostede que non hai presuposto; pois terá que buscalo, esa é una das tarefas do seu cargo. Quere ideas?: asesores innecesarios, financiamento de colexios privados que segregan por sexo, publicidade innecesaria...

Por outra parte, non se desculpe, e se o fai, diga a verdade. A decisión tomouna vostede hai máis de dous meses, sen contar con ninguén máis. Recibiu aos representantes de Baños e Xunqueira despóis da toma de posesión da nova inspectora á quen lle presentamos as nosas demandas para que as trasmitira, non hai máis de quince días.

Eu mesmo solicitei información nesa Delegación e contestóuseme en máis dunha vez que a decisión estaba xa tomada cando aínda non recibirá vostede a ninguén. A súa política de feitos consumados non concorda co talante que vostede di ter de escoitar ás partes, e si á política de 'terra queimada' que dende a Xunta aplican ao rural galego en todos os sectores.

Dende aquí pídolle que reflexione, pois os cidadáns non somos un gasto, á fin e cabo todo isto pagámolo cos nosos impostos, incluído o seu soldo.

Administrar e xestionar son dous conceptos distintos, anímese.

Te puede interesar
Más en Cartas al director