INVERNÍA, CAFÉ, POLÍTICA E LABAZADAS

Foi unha desas tardes de invernía galega que a min tanto me achegan.
Unha desas tardes que convidan á clandestinidade dun café quente e dunha mellor compañía. Por sorte, puiden arrincarlle sen moito esforzo un anaco do seu prezado tempo. Sentamos e dispuxémonos. Eu quixen ir de sabedor e espuxen con toda paixón e como cidadán patrio de taberna que son, as miñas debulladas cavilacións sobre o día a día do país. Entre outros moitos dicires dixen que nin a política nin con ela o estado eran quen de atopar respostas ao progresivo desencanto da poboación. E que o poder, a todos os niveis, nunca tivo disposición de sentarse a dialogar, e que con el, ou te adaptas, ou non xogas. Destacando, por riba de todo, o bo negocio que a política é para algúns petos.

El, pola contra, non dicía nada. Cando de pronto me arreou unha labazada. Para despois chamarme parvo. E fixo isto con toda a mellor intención do mundo. Só pretendía ilustrarme ao seu xeito, botando man da súa pedagoxía máis sincera e directa. Era esta a maneira que el entendía máis útil de explicarme como era o proceso dixestivo deste país. Eu asentín. E deime por enterado. Non houbo máis dicires pola miña parte. Porque sei que tampouco habería moito máis por parte del. Se cadra, iso si, algunha que outra labazada máis.

Te puede interesar
Más en Cartas al director