A MEMORIA DUNS PAPEIS

Eiquí, na miña terra, tiran ó lixo a memoria dos antepasados: documentos antigos de conciliacións entre os veciños firmados por quen fora xuíz de paz do concello, don Isidro Prieto de Viana, atopados outrora por un veciño mentres camiñaba as súas soidades un día San Martiño, en compaña do seu amigo Troco, o can orfo do 'Tres'. Papeis que vira o mestre xubilado bailando ó compás do vento preto do colmeal de paredes de lousas que hai por baixo de Sardela, e disque puidera agarrar unha puñada de follas soltas brincando coma un cabrito na súa procura, nun intre de calma do Nordés.
A primeira falaba dos dereitos das vertentes das augas dun lameiro na parroquia de Forcas; outra, dos litixios herdados da familia pola servidume de paso dos carros de herba en Caborriba, preto da aldea de Miranda; estoutra, da marcaxe que bailaba entre dúas leiras de centeo de dous cuñados; a última folla falaba da achega a un acordo entre dúas partes polos cartos que deberían compensar unhas navalladas traizoeiras recibidas por un ribeirao nunha nádega, estando de troula na verbena de Triguás, por causa de facerlle as beiras a unha moza comprometida co fillo vinculeiro dunha casa de moita fachenda de Senra. Papeis vellos, con memoria, tirados ó lixo coa ocasión da mudanza ó novo edificio do Concello de Parada de Sil, que recollen o devir diario dos veciños, que son os feitos da intrahistoria dunha cultura rural que foi e que xa non é. Desto xa medraron os carballos.

Te puede interesar
Más en Cartas al director